Deputación de Lugo

A Deputación fomenta o consumo de produtos autóctonos coa celebración da XV Feira do Entroido de Nadela

- A institución colabora coa Asociación Carballeira de Nadela na celebración desta cita, o domingo 8 de febreiro, achegando para elo 3.000 euros - Máis de 100 expositores daranse cita neste encontro, que contribúe á “potenciar a calidade dos nosos produtos e á súa comercialización como vía para recuperar poboación no rural”

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, o Concelleiro de Infraestruturas e Medio Rural de Lugo, Manuel Enrique Chaín, e o presidente e o tesoureiro da Asociación Carballeira de Nadela, Carlos Puentes e Ángel Vila, respectivamente; presentaron este martes no Salón de Actos de San Marcos a XV Feira do Entroido de Nadela, que acollerá a carballeira desta localidade o vindeiro domingo 8 de febreiro. O organismo provincial colabora coa asociación na celebración desta cita cunha achega económica de 3.000 euros.

Méndez destacou que a Deputación “respalda un ano máis este certame no marco da súa decidida aposta para pór en valor os produtos autóctonos da provincia e fomentar o seu consumo. Nas pasadas convocatorias reuníronse en Nadela miles de visitantes, oportunidade que non podemos deixar escapar para potenciar a calidade dos nosos produtos e á súa comercialización como vía para revitalizar e recuperar poboación no rural”.

Pola súa banda, Puentes agradeceu a colaboración do organismo provincial ao tempo que convidaba a todos os lugueses a achegarse a Nadela o vindeiro domingo, 8 de febreiro. En tanto, Chaín animou a todos os veciños a mercar os produtos típicos de entroido nesta cita.

A Vicepresidenta lembrou as iniciativas postas en marcha pola institución luguesa para promover os produtos autóctonos, tales como a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, “que conta hoxe con máis de 500 produtos e servizos que ofrecen máis de 150 empresas, entre elas varias precisamente que comercializan produtos típicos do Entroido, como Embutidos Campa, do Piornedo, Embutidos Hermelino, do Valadouro, Acisal, de Vilalba; Lualco e Jamones González de Lugo ou Champivil, de Vilalba, e Milulloa, de Palas de Rei”, sinalou Méndez. A Vicepresidenta Segunda aproveitou para animar ás firmas dedicadas a este sector a sumarse de xeito gratuíto a este portal de venda electrónica. Neste senso, a institución luguesa creou tamén a marca de calidade LugoSabe que reforza o coñecemento dos produtos autóctonos.

Xornada gastronómica
Máis de cen expositores daranse cita nesta nova edición da Feira do Entroido na Carballeira de Nadela este domingo, onde, a partir das 09:00 horas e baixo unha carpa, se porán á venda produtos característicos destas datas, así como postres típicos do Entroido e artesanía. O xornalista Paco Nieto será o encargado de ler o pregón nesta cita, que estará ambientada por grupos rexionais e a charanga Madialeva. A feira estará aberta ao público ao longo de todo o día. Para os interesados en asisitir, o Concello pon á sua diposición un servizo gratuíto de autobuses con saída cada hora, dende as 09:00 horas ás 15:00 horas, da avenida de Ramón Ferreiro.