Deputación de Lugo

A Deputación busca 248 perfís profesionais para cubrir os postos de traballo do Ben Empregado!

- O BOP e a web www.deputacionlugo.gal publicarán mañá a relación das 221 empresas e entidades sen ánimo de lucro beneficiarias das axudas, os perfís que solicitan e as bases para a selección dos traballadores, unha vez aprobadas hoxe na Xunta de Goberno- Os interesados en optar a un dos 248 contratos poden presentar a solicitude dende o luns ata o día 3 de marzo. Os seleccionados estarán traballando dentro dun mes- Empregados do sector agropecuario e forestal, informática e novas tecnoloxías, servizos sociais e turismo, os perfís máis demandados polas empresas, que necesitan dende peóns a administrativos e enxeñeiros

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, anunciaron este venres o inicio da segunda e última fase do plan Ben Empregado!, consistente na selección e contratación de desempregados de toda a provincia para traballar nas 221 empresas e organizacións sen ánimo de lucro que resultaron beneficiarias das axudas deste novo plan de emprego provincial, dotado con 4,4 millóns de euros de fondos propios. Para satisfacer as necesidades que trasladaron as entidades adxudicatarias, o organismo lucense busca 248 perfís profesionais, sobre todo relacionados cos sectores agropecuario e forestal, informática e novas tecnoloxías, servizos sociais e turismo, “os mesmos que levamos potenciando dende hai 8 anos na Deputación”, subliñou o Presidente.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) e a web www.deputacionlugo.gal publicarán mañá sábado a relación das empresas beneficiarias, así como os perfís que solicitan e as bases para a selección dos traballadores, documentos aprobados hoxe pola Xunta de Goberno. Tamén se pode obter información no 982.26.00.00.
Os interesados en optar a un destes preto de 250 contratos terán dende este luns ata o día 3 de marzo para presentar a solicitude. Gómez Besteiro e Lara Méndez avanzaron que as persoas seleccionadas estarán traballando dentro dun mes, entre os días 23 e 27 de marzo.
As entidades beneficiadas
As entidades beneficiarias do novo plan de emprego da Deputación foron seleccionadas por unha Comisión de Valoración formada en exclusiva por técnicos e en función de criterios de concorrencia competitiva, co que “garantimos a total imparcialidade e transparencia”, subliñou o Presidente.
Das 221 entidades que recibirán axudas directas para a contratación de traballadores, 196 son autónomos, pemes e micropemes, e 25 entidades sen ánimo de lucro. Desenvolven a súa actividade por toda a provincia, aínda que son máis numerosas as radicadas nas comarcas de Lugo, a Zona Sur e a Terra Chá, seguido da Mariña, A Montaña e A Ulloa.

Os perfís demandados
Para satisfacer as necesidades laborais das empresas e organizacións que recibirán as axudas, a Deputación busca 248 perfís profesionais moi diversos. O máis solicitado é persoal para traballar no sector agropecuario, forestal e vinculado ao medio ambiente, para o que as empresas piden dende peóns para explotacións gandeiras a enxeñeiros agrónomos e forestais.
Destacan tamén os perfís vinculados coas novas tecnoloxías e a Internet. As empresas demandan titulacións e coñecementos en informática, marketing dixital e posicionamento en redes sociais.
Administrativos e titulados en administracións de empresas son outros dos perfís moi demandados, como o son os perfís de carácter social: educador e traballador social, psicólogo, ou monitores de actividade física e de tempo libre. Para o sector hostaleiro tamén demandan perfís con formación en turismo e xestión de eventos.
As empresas valoran tamén coñecementos en prevención de riscos laborais e idiomas, sobre todo inglés, ademais de un bo nivel de galego.
De calquera xeito, como recalcou Besteiro, os perfís son moi diversos e hai ofertas de xornalistas, biólogos, arquitectos, dependentes, mecánicos, ebanistas, empaquetadores ou hixienistas dentais. Todos sairán publicados mañá no BOP e na web provincial.
En canto ás localidades que concentran o maior número de demandas laborais, destacan os pequenos concellos, como A Pastoriza, O Saviñao, Riotorto, O Corgo, Carballedo, Castro de Rei, Cospeito e Guitiriz, xunto a municipios máis grandes como Sarria, Viveiro, Monforte, Viveiro ou Burela.
Como e cando apuntarse
A Vicepresidenta Segunda explicou que dende este luns e ata o día 3 de marzo as persoas interesadas poden apuntarse ao proceso de selección. As bases que sairán publicadas mañá no BOP e na páxina web provincial figura como deben facer a solicitude, que documentación teñen que presentar, os perfís profesionais aos que poden optar e os requisitos que deben cumprir. As condicións básicas son: ser maior de 16 anos; estar empadroado en calquera dos 67 municipios da provincia e inscrito na correspondente oficina de emprego; e ter a capacitación ou titulación requirida para o posto de traballo que solicita.
Cada candidato pode optar a un máximo de dous perfís, que debe incluír na solicitude por orde de preferencia.
A selección
Lara Méndez explicou que entre o 4 e o 14 de marzo terá lugar o proceso de selección dos candidatos, que consistirá na valoración de méritos e o currículo, e nunha entrevista. O día 16 de marzo publicarase a lista de persoas seleccionadas e comunicaráselle ás empresas e organizacións beneficiarias o traballador ou traballadores que lles foron asignados. As propias entidades ocuparanse da súa contratación, cumprindo coa modalidade contractual e pola xornada laboral establecida na solicitude da axuda.

O contrato deberá formalizarse entre os días 23 e 27 de marzo, polo que “prevemos que estean nos seus postos de traballo a finais do próximo mes”, sinalou a Vicepresidenta.

O período de duración do contrato subvencionado pola Deputación é dun ano, “aínda que favorecemos que se alongue por máis tempo porque, na selección das entidades beneficiarias, puntuouse máis alto canto máis grande fose o compromiso para continuar cos contratos posteriormente. De feito, temos constancia dunha ducia de empresas e entidades que xa prevén incorporar á súa plantilla ao traballador unha vez finalice a subvención do Ben Empregado!”

As axudas que a Deputación lles dará ás empresas para a contratación van dende os 18.000 aos 22.000 euros por traballador, “a maior cantidade que concede unha administración en Galicia para fomentar a contratación de persoal”, destacou a Vicepresidenta. Esta cantidade cobre todos os custes salariais, é dicir, as nóminas e a cotización á Seguridade Social.

Serán todos empregos de calidade, posto que “blindamos os seus contratos con cláusulas sociais para que, como mínimo, se cumpran os convenios do sector de cada un dos traballadores, en canto ás condicións sociais, laborais e salariais”, engadiu.

O Ben Empregado!2, en marzo
Ante o éxito e a gran demanda que tivo este primeiro plan Ben Empregado!, no que se apuntaron máis de 420 empresas, o Presidente anunciou que o vindeiro mes a Deputación lanzará o Ben Empregado! 2, que contará cun orzamento maior, 6 millóns de euros, como xa está consignado nos Orzamentos do 2015.