Deputación de Lugo

COMUNICADO DA DEPUTACIÓN DE LUGO

Imaxe deputación de lugo

Ante as últimas informacións publicadas sobre o proceso de enaxenación das accións do CD Lugo, a Deputación de Lugo informa:

1.- Deputación e Concello de Lugo defenden, ÚNICA E EXCLUSIVAMENTE, o interese público ao marxe dos intereses particulares que puidesen concorrer neste asunto.

2.- O procedemento de enaxenación das accións do CD Lugo foi realizado co coñecemento e coa participación do Club Deportivo Lugo, informándoo, puntualmente, tanto do contido das bases, como do proceso de adxudicación, por medio do seu presidente.

Na reunión celebrada polo Consello de Administración o 20 de novembro de 2014, por parte da representación da Deputación deuse conta a TODOS E CADAÚN dos conselleiros do contido das bases ao obxecto de que puidesen facer as suxestións que estimasen oportunas. En ningún momento, por ningún dos Conselleiros, se fixo suxestión algunha sobre o pago aprazado.

3.- As bases que rexeron a convocatoria axústanse, total e absolutamente, á lexislación de aplicación.

4.- É absolutamente incerto que no procedemento se puidese realizar a enaxenación directa como modo de adxudicación das accións.

5.- A comisión de valoración está integrada, ÚNICA E EXCLUSIVAMENTE, por funcionarios da Deputación e do Concello de Lugo. Polo tanto, sen participación de ningún representante do Goberno da Deputación.

6.- Lembrar que Deputación e Concello de Lugo procederon á venda de accións porque así llo solicitou o Consello de Administración do CD Lugo en cumprimento do protocolo acordado co propio Club e cuxo texto foi acordado en reunión do Consello Superior de Deportes.