Deputación de Lugo

Sonsoles López e unha trintena de alumnos da Facultade de Maxisterio plantan carballos para impulsar o Día da Árbore

-Esta actividade, que se complementa cunha charla a cargo do Catedrático de Ciencias da Educación, Uxio Otero, está dirixida a fomentar entre os futuros docentes a celebración do día da Árbore -López destacou que “con esta iniciativa impulsamos na comunidade educativa a importancia de facer actividades cos máis pequenos, que poñan en valor a riqueza natural e patrimonial que nos rodea”- A Deputación celebra todos os anos actividades cos colexios para conmemorar o Día da Árbore, que ten lugar en marzo, e nas que participaron o ano pasado máis de 10.000 alumnas e alumnos

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, acompañada de máis dunha trintena de alumnas e alumnos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Lugo, plantaron este mércores varios carballos nas inmediacións do Centro de Interpretación Terras do Miño, co fin de fomentar na comunidade educativa a importancia da celebración do Día da Árbore entre os máis pequenos, que se conmemora o 21 de marzo.

Sonsoles López valorou que “o coidado e respecto polo medio ambiente é un aspecto que debe estar incluído nos proxectos educativos dos colexios nas primeiras etapas escolares”. A Deputada valorou que “con esta iniciativa axudamos a que os futuros formadores entendan a importancia de celebrar datas como esta, que poñen en valor a riqueza natural e patrimonial que nos rodea, afondando no coidado e respecto do medio”.

Esta actividade, que se celebrou a media mañá, estivo precedida por unha conferencia a cargo do Catedrático en Ciencias da Educación, Uxio Otero Urtaza, que levou o nome de O día da árbore: unha vella e fermosa tradición escolar, na que se reforzou a idea da importancia de incluír actividades desta natureza na programación das nenas e nenos, co fin de conseguir crear unha sociedade realmente comprometida co medio ambiente.

A Deputación suma cada ano unha maior participación nas actividades programadas do Día da Árbore. Mostra disto é que no 2014 máis de 10.000 os alumnos de 97 colexios da provincia adheríronse á programación da Área de Medio Ambiente deseñada para este día.