Deputación de Lugo

A Deputación presenta dúas novas iniciativas de impulso das TIC na Mariña

- A Vicepresidenta presentou hoxe a empresarios e autónomos da Mariña os servizos gratuítos da Deputación que ofrecen a PEMES e autónomos asesoramento, apoio e formación en novas tecnoloxías - Méndez tamén mantivo un encontro cos maiores participantes nas actividades do Sempre en activo, programa que potencia o benestar social e o envellecemento activo para os maiores de 55 anos a través da TIC

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada do Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, estivo hoxe en Viveiro para presentar na Mariña os servizos, totalmente gratuítos, coa que a Deputación ofrece asesoramento, apoio e formación en novas tecnoloxías a PEMES e autónomos de toda a provincia. Esta iniciativa está cofinanciada ao 80% por fondos europeos.

Méndez destacou que na actualidade son as novas tecnoloxías as que “fan que as empresas sexan máis competitivas e melloren a súa produtividade, ademais de facilitar o seu funcionamento, xerando plusvalía”. A Vicepresidenta tamén subliñou outras iniciativas que a Deputación porá a disposición de empresas e autónomos en impulso das TIC, tales a creación de tres aplicacións para dispositivos móbiles centradas nos tres sectores estratéxicos da provincia: agroalimentario, forestal e turístico; ou o desenvolvemento de futuras actividades formativas e divulgativas gratuítas no eido das TICs.

Así mesmo, lembrou outras medidas postas en marcha pola institución provincial nos últimos oito anos, para fomentar a incorporación e uso de ferramentas tecnolóxicas no tecido empresarial, como a creación da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, o plan Dinamíz@TE, e o Plan Ben Empregado!.

As empresas que queiran beneficiarse ou coñecer máis sobre esta iniciativa poden facelo no de teléfono 982 225 186 ou ben achegándose a calquera dos tres centros existentes.

Maiores sempre activos
Ao remate da reunión con empresarios e autónomos, Méndez mantivo un encontro con mariñanos participantes no Sempre en Activo, o programa que pon en marcha a Deputación a través da Fundación TIC que potencia o benestar social e o envellecemento activo para os maiores de 55 anos. Grazas a un equipo de 80 dinamizadores que están a traballar polos Concellos de toda a provincia, desprazándose ao lugar das actividades (residencias, centros de día, centros socioculturais ou propios fogares) e achegando o material tecnolóxico necesario.

Os lucenses de máis idade, neste caso os do centro de maiores da Fundación Caixa Galicia de Viveiro, desenvolven diferentes actividades dirixidas a aumentar a súa autonomía e capacidades cognitivas e funcionais a través de, por exemplo, prácticas con programas informáticos, xogos virtuais ou videoconsolas para aumentar a memoria, a capacidade de atención ou as cualidades físicas e motrices (equilibrio, cordinación, velocidade de reacción, tonificación muscular, flexibilidade, resistencia cardiovascular, capacidade de aprendizaxe…); manexo de ordenadores, tablet ou móbiles; consultas en Internet, redes sociais, conexións a través de Skype.

Todos os interesados en participar, tanto de xeito individual como colectivo, poden inscribirse en 698-108-372 ou en sempreenactivo@fundaciontic.org.