Deputación de Lugo

Os maiores de Becerreá apúntanse a facer exercicio coas TIC

- O centro social deste municipio acolle esta tarde as actividades do programa Camiña coas TIC, que fomenta o uso das novas tecnoloxías como ferramenta para motivar a realización de exercicio físico. Tamén participará o Deputado de Xestión Territorial- Os maiores de 55 anos interesados en participar poden inscribirse en www.fundaciontic.org As seguintes rutas terán lugar en Vilalba, Guitiriz, Chantada e Lugo

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, manterá hoxe, a partires das 16:00 horas, no Centro Social de Becerreá, un encontro con veciños deste municipio que participan este venres en Camiña coas TIC, o novo programa gratuíto que puxo en marcha a Deputación, a través da Fundación TIC, dirixido a maiores de 55 anos de toda a provincia, que fomenta o uso das novas tecnoloxías como ferramenta para motivar a realización de exercicio físico.
En Camiña coas TIC os participantes usan aplicacións en dispositivos táctiles, como o compás, o podómetro, o cardiógrafo, un contador de calorías, un recordatorio de beber auga, un botón de alerta e un buscador de rutas. Tamén se empregan dispositivos cuantificadores para entender o seu funcionamento e os beneficios que aporta o propoñernos novos retos a cumprir cada día.

A Deputación leva esta tarde Camiña coas TIC a Becerreá tras o seu paso polo Valadouro e Friol. Continuará con esta programación o luns 23, ás 11:00 horas en Vilalba, e as 17:00 en Guitiriz; o martes 24 no Incio, ás 10:30 horas; o mércores 25, ás 16:00 en Chantada; e finalizará o xoves 26 en Lugo, ás 11:00. Ese mesmo día terá lugar pola tarde un acto conxunto coa entrega de diplomas.

Cada obradoiro conta coa participación dun mínimo de 10 persoas maiores de cada zona, que serán guiadas por dous monitores. Toda a información relativa a Camiña coas TIC, así como as inscricións, está na páxina www.fundaciontic.org Esta programación enmárcanse no conxunto de actividades do Centro de Innovación Social Inlugo en impulso do benestar social, financiadas nun 80% con fondos da Unión Europea a través do plan Innova-TE2.