Deputación de Lugo

A Deputación achega máis de 55.000 euros para mellorar infraestruturas públicas en Portomarín

Imaxe deputación de lugo
- Dentro das actuacións financiadas polo organismo provincial destacan o acondicionameto de camiños, con 46.000 euros, e cambio dunha rede de saneamento, con 10.000 euros - García Porto informou que “esta actuación, que responde ás peticións dos veciños, inclúese dentro do programa de mellora da mobildade e posta en valor dos núcleos rurais da provincia” - A Deputada lembrou outras actuacións levadas a cabo no Concello da man do organismo provincial entre as que destacan melloras en depósitos ou a peonalización de rúas

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, supervisou este venres o resultado das obras de acondicionamento e pavimentación do camiño rural en San Xulián, actuación solicitada polos comuneiros do monte veciñal de Caborrecelle, dotadas con 12.000 euros. García Porto anunciou tamén durante a xornada que o organismo provincial financiará outras 4 actuacións incluídas dentro do Plan de impulso ao medio rural que ofrece o organismo provincial.

A responsable da área de economía informou que “esta actuación, que responde ás peticións dos veciños, inclúese dentro do programa de mellora da mobildade e posta en valor dos núcleos rurais da provincia”. Pilar García valorou que “con este tipo de actuacións, melloramos o día a día de ducias de veciños da zona e freamos as desigualdades entre as cidades e o rural”.

Porto informou que a Deputación financiará tamén outras 4 actuacións, todas elas solicitadas por asociación de veciños e comuneiros dos montes veciñais. Estas obras son:  a mellora do firme de co camiño en Nespereira, conta cunha achega provincial de 12.000 euros; o acondicionamento da pista rural na parroquia de Soengas, que contará con preto de 10.000 euros de investimento; o reafirmado e mellora do camiño dos Torros, en Viariño, e con preto de 12.000 euros; e, por último, o cambio da tubaxe na rede de abastecemento e nas arquetas de rexistro de Vilaxuste, que conta cunha inversión de 10.000 euros.

Plan de Obras e Servizos
Nesta liña, a Deputada lembrou tamén que no Concello estase a acometer unha renovación dunha traída de auga na parroquia de Castrolazaro, a través do Plan de Obras e Servizos. Con este plan, a Deputación executará 69 obras nos Concellos con 2.973.223 euros do POS 2015, financiados en case un 65% polo organismo provincial.

García Porto destacou que “dende a Deputación garantimos a execución deste plan de obra pública nos Concellos, co que respondemos ás peticións que nos fixeron os veciños durante a elaboración dos Orzamentos Participativos, malia o financiamento cero do Goberno Central por 4º ano consecutivo”, remarcou. Anteriormente, o Plan de Obras e Servizos estaba financiado nun 50% polo Executivo estatal, nun 25% polas Deputacións e nun 25% polos municipios. Foi así ata 2012, cando o actual Goberno central decidiu suprimir a achega estatal a esta programación, sendo a primeira vez na historia da democracia que acontecía isto.
Outros investimentos
O organismo provincial, dentro da súa liña de apoio ao medio rural, financiou actuacións en Portomarín  por valor de máis de 1 millón de euros. Algunha destas obras son: a mellora nos depósitos de augas de Castro San Marín; o acondicionamento de pistas en Soengas ou Vilariño; a instalación dunha nova rede de saneamento en Outeiro; peonalización das rúas Lugo e Praza Conde de Fenosa, así como a mellora da estrada provincial 4902, de Alto Valiño a Valderporrás, entre outras.