Deputación de Lugo

A TIC retransmite en directo na internet o IV Lucus Intercentros dende o IES Muralla Romana

- Alumnos de 2º curso da EIS, bolseiros, docentes e técnicos da TIC realizan a emisión do concurso en streaming para que os institutos participantes poidan seguilo dende as aulas-A Fundación TIC colabora dende a primeira edición co IES Muralla Romana co fin de completar a formación práctica dos estudantes da Escola de cara a súa inserción laboral

A Fundación TIC, dependente da Deputación, está a levar a cabo a retransmisión en directo a través da súa web, www.fundaciontic.org, do IV Concurso Lucus Intercentros, que deu comezo esta mañá no IES Muralla Romana de Lugo. Un equipo formado por alumnos de 2º de Realización da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS) coa supervisión de profesores e técnicos da TIC, utilizan catro cámaras e todo o material preciso para realizar o streaming.

A achega da TIC permite que os alumnos e profesores dos sete institutos participantes sigan o concurso a tempo real, dende as aulas. Para velo, os interesados só teñen que premer sobre o banner que aparece na páxina web da TIC. Posteriormente, coas imaxes gravadas, os estudantes da EIS editarán un DVD que se entregará aos centros educativos da capital co fin de divulgar esta actividade.

Intercambio educativo
O Concurso Lucus Intercentros é unha iniciativa do IES Muralla Romana que xurdiu hai catro anos co fin de relacionar alumnos de primeiro curso de Bacharelato e profesores dos sete institutos públicos da capital. A xornada lúdica sirve tamén para por en práctica a parte do currículo dos alumnos de Secretariado relativa á organización de eventos e actos públicos.

A Fundación TIC e o IES Muralla Romana manteñen unha estreita colaboración, ao abeiro do convenio asinado entre ambas entidades, que ten como finalidade promover as ensinanzas que se imparten no instituto lugués, ao tempo que os estudantes da EIS, o único centro da provincia que imparte formación profesional no eido audiovisual, completan a súa formación.

Fases Eliminatorias
O concurso desenvólvese en sete fases eliminatorias. Cada centro presenta un equipo formado por 3 alumnos de primeiro de bacharelato, que se someterán ás preguntas de cultura xeral elaboradas polos profesores dos distintos departamentos do Muralla Romana. O certame seguirá un formato dixital para recibir e dar resposta ás preguntas a través de ordenadores. Como agasallo, os estudantes que amosen maior nivel de coñecemento recibirán diferentes dispositivos electrónicos.No desenvolvemento do IV Lucus Intercentros, ademais da TIC, colaboran a Escola de Arte e Superior de Deseño” Ramón Falcón”, e o CIFP Politécnico de Lugo.