Deputación de Lugo

Novo éxito de convocatoria dos obradoiros gratuítos que organiza o CENTRAD en Semana Santa para os máis cativos

Imaxe deputación de lugo
- Cubríronse as 45 prazas dispoñibles o mesmo día no que se abriu a inscrición, aínda que o prazo segue aberto para figurar na relación de espera ante calquera baixa
- As actividades, dirixidas a rapaces de 5 a 13 anos, desenvolveranse o 30 e 31 de marzo, e o 1 de abril, de 09:00 a 14:00 horas. Os participantes aprenderán cociña e scrapbooking nuns talleres nos que se empregará o inglés como lingua vehicular

Os obradoiros que o Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, organiza en Semana Santa para os máis cativos da casa, obteñen un ano máis un rotundo éxito, ao cubrirse as 45 prazas dispoñibles o mesmo día no que se abriu a inscrición. Con todo, aínda continúa aberto o prazo para figurar na relación de espera ante calquera baixa na inscrición. Pódese descargar o formulario de solicitude na web www.deputacionlugo.gal, que debe entregarse no Rexistro Xeral da Deputación antes do 25 de marzo.

As actividades, totalmente gratuítas, están dirixidas a nenos 5 a 13 anos, e desenvolveranse os días 30 e 31 de marzo, e o 1 de abril, de 09:00 a 14:00 horas, nas instalacións do CENTRAD. Nesta edición, os participantes poderán aprender cociña saudable e scrapbooking. Ao tempo que un grupo está na cociña, o resto elaborará os complementos necesarios para a decoración da mesa e do local.

A programación ten en conta as idades e as capacidades dos nenos participantes, se ben haberá dúas monitoras de apoio, ademais do propio persoal do CENTRAD, para que os nenos con necesidades especiais poidan aproveitar ao máximo estes obradoiros nos que se empregará como lingua vehicular o inglés.

Con estes obradoiros, tal e como subliñou a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, durante a presentación destes talleres, “buscamos conciliar a vida familiar e laboral, dando resposta tamén ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos”. O organismo provincial puxo en marcha estes obradoiros para que os nenos empreguen as súas épocas de ocio escolar con actividades de lecer diferente e cuns horarios que faciliten que nais e pais poidan conciliar a familia e o traballo, ao tempo que se dá a coñecer a tradición artesanal da provincia.