Deputación de Lugo

A Deputación súmase un ano máis á Hora do Planeta

Imaxe deputación de lugo
A iluminación ornamental da fachada e o alumeado interior do Pazo de San Marcos manteranse apagadas entre as 20:30 e as 21:30 horas de mañá para simbolizar o seu compromiso coa protección do medio ambiente

A Deputación de Lugo permanecerá a escuras entre as 20:30 e as 21:30 horas mañá, sumándose así á iniciativa da Hora do Planeta, unha das campañas máis importantes a nivel mundial en defensa do medio ambiente.

Coma vén sendo habitual nos últimos anos, o organismo provincial amosará o seu compromiso na loita contra o cambio climático apagando durante ese tempo tanto a iluminación interior do edificio coma a ornamental da fachada principal.

Esta campaña, nacida hai sete anos, tomou unha nova dimensión a partires do ano 2012, cando máis de 7.000 cidades de 150 países decidiron sumarse apagando milleiros de edificios públicos e monumentos emblemáticos.

A luz como símbolo
A iluminación exterior do Pazo de San Marcos, conformada por lámpadas led que subtituíron ás tradicionais de mercurio -reducindo considerablemente o consumo e a contaminación e mellornado a estética da praza-, tense convertido en símbolo de adhesión a numerosas iniciativas.

Farao de novo o vindeiro día 2 de abril, cando luzan de cor azul para sumarse novamente ao Día do Autismo; cando o fan o Día Internacional contra o Cancro de Mama; o Día Mundial da Diabetes, etc.