Deputación de Lugo

Deputación e Concello poñen en valor a Casona do Incio

- Lara Méndez avanzou que este mesmo mes se porán en marcha os traballos de remodelación deste inmoble provincial, “que foi adquirido polo PP e nunca lle deu uso, deixándoo totalmente abandonado”. Contan cun presuposto inicial de 250.000 euros- A Alcaldesa subliñou que “cumprindo co compromiso que adquirín cos veciños do Incio, poñemos en valor este edificio emblemático co obxectivo de darlle un uso social”. Tendo en conta as necesidades do Concello, estúdase a posibilidade de situar un centro de día- A Deputación creará unha dotación social, aproveitando todos os materiais, estruturas e singularidades da Casona, que se atopa deteriorada

Deputación e Concello poñen en valor a Casona do Incio. Este venres, a Vicepresidente Segunda, Lara Méndez, a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro, avanzaron que este mesmo mes se porán en marcha os traballos de remodelación de dito inmoble, que contan cun presuposto inicial de 250.000 euros do organismo provincial.

Lara Méndez subliñou que “estas actuacións enmárcanse na nosa aposta por poñer en valor o patrimonio provincial, o que é todos os lucenses. A Casona do Incio foi adquirida polo anterior goberno na Deputación do Partido Popular, que nunca lle deu uso e a deixou totalmente abandonada. Vamos a actuar de xeito urxente e crear unha dotación pública ao servizos dos cidadáns”. O organismo provincial aproveitará todas os materiais, estruturas e singularidades da Casona, que se atopa deteriorada.

Laura Celeiro remarcou que “cumprindo co compromiso que adquirín cos veciños do Incio, poñemos en valor este edificio emblemático co obxectivo de darlle un uso social. Aproveitaremos a localización da Casona, que se sitúa no centro da capitalidade, para dinamizar a economía local ao ofrecer neste espazo novos servizos con carácter eminentemente social”.

A Alcaldesa apuntou que tendo en conta as necesidades deste municipio, onde máis do 50% da poboación supera os 60 anos, estase a estudar a posibilidade de situar na Casona un centro de día, un proxecto social co que potenciar o benestar, crear emprego e combater o despoboamento demográfico.

Intenso traballo
A remodelación da Casona é un paso máis no intenso traballo levado a cabo polo actual Goberno da Deputación por poñer en valor o patrimonio provincial. Son exemplo disto a Gardería do Campus, onde Raiolas situará o primeiro centro de formación na provincia para maiores de 16 anos con autismo; a cesión do antigo hospital San José a ASPNAIS, onde esta asociación lucense de axuda a persoas con discapacidade intelectual duplicará os seus servizos de residencia, centro de día e centro ocupacional na provincia; a cesión á COGAMI dunha parcela provincial de case 1.500 metros cadrados situada na Rúa da Luz da capital luguesa, a carón das actuais instalacións que ten este colectivo sen ánimo de lucro en Fingoi, que lle permitirá ampliar os seus servizos na provincia; a construción da nova sede da UNED no antigo Hotel Miño, ou a transformación do Pazo de Tor no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural.