Deputación de Lugo

CANDIA INVITARÁ AOS CONSELLOS REGULADORES DE PRODUTOS CON CALIDADE DIFERENCIADA NA PROVINCIA A FACER PROPOSTAS DE CARA Á ELABORACIÓN DOS ORZAMENTOS DE 2016

Imaxe deputación de lugo
A presidenta da Deputación de Lugo garantiu a disposición da administración provincial na promoción do pemento de Mougán. Durante a lectura do pregón asegurou que “estaremos ao voso lado para que este produto continúe a superar todas as barreiras xeográficas nun mercado cada vez máis globalizado”A presidenta iniciará a próxima semana unha rolda de contactos cos representantes destes órganos reguladores das IXP e DOP, xa que os produtos que identifican convértense “nunha base fundamental da xeración de riqueza na provincia”

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, iniciará a próxima semana unha rolda de contactos con representantes dos Consellos Reguladores das distincións que identifican os produtos con calidade diferenciada na provincia. Invitaraos a facer propostas de cara a elaboración dos orzamentos de 2016.
A presidenta da institución considera “necesario” manter reunións con estes órganos, que teñen por función protexer os produtos aos que se lle outorgaron recoñecementos (IXP ou DOP) polas súas características “derivadas tanto do seu ámbito xeográfico, como da súa materia prima ou da súa elaboración” e que se converten “nunha base fundamental de xeración de riqueza na provincia e marcan a nosa identidade no exterior”.
Dende a Deputación de Lugo comézase a darlle cumprimento ao propósito de manter reunións con agrupacións culturais, deportivas e, “por suposto” cos Concellos, para a elaboración dos orzamentos “porque eles coñecen as necesidades dos seus veciños”. No marco desta rolda de contactos terán importancia as xuntanzas coas asociacións de carácter social dada a prioridade do Goberno provincial polo benestar. “Dentro desta anunciada planificación de reunións, consideramos de interese o contacto cos Consellos Reguladores pola transcendencia que teñen na provincia, os seus produtos caracterízannos e identifícannos”.
Festa Gastronómica do Pemento de Mougán
Un dos produtos que acadou a distinción como Indicación Xeográfica Protexida na provincia é o Pemento de Mougán. Un recoñecemento que abriu as súas portas para a “comercialización e que posibilitou o incremento da produción, ademais de poñer a Guntín no mapa da calidade e da excelencia alimentaria”.
A presidenta da Deputación pronunciou hoxe o pregón da XIV edición desta Festa Gastronómica, durante o que garantiu a disposición da administración provincial para continuar a incentivar a promoción do pemento de Mougán. “Estaremos ao voso lado para que continúe a superar todas as barreiras xeográficas nun mercado cada vez máis globalizado”, puntualizou.
Candia aseguroulles que “podedes contar con nós, coa implicación e a axuda da Deputación de Lugo” para seguir a dar os pasos que lograron levar o nome de “Guntín a todos os recunchos de Galicia e por España adiante”. A presidenta lanzou como un propósito a trazar o de “cruzar o Atlántico, e ter cabida en mercados máis afastados”. “Cremos, coma vós, que a promoción do pemento constitúe un paso fundamental para superar barreiras e compartimos a vosa inquedanza respecto á produción e á necesidade de que se incremente”. Neste senso, a presidenta puxo á disposición dos produtores as plataformas dixitais coas que conta a administración para “botar man delas nun mercado cada vez máis globalizado”.
Por último, a presidenta tamén resaltou o coidado mimado, esmerado e exquisito que os produtores poñen en cada un dos pementos e apreciou a valía de “todos e todas os que cultivades un produto carnoso, cunha textura e un sabor especial, que constitúe un moi boa carta de presentación da provincia”.