Deputación de Lugo

120 cativos poderán aprender no verán o mellor da artesanía cos obradoiros gratuítos que organiza o CENTRAD

- Regina Polín presentou a programación, que ofrece 120 prazas gratuítas para nenos de 5 a 14 anos, e que se desenvolverán en tres quendas; do 1 ao 15 e do 16 ao 31 de xullo e do 17 ao 31 de agosto, de 09:00 a 14:00 horas, no CENTRAD e no obradoiro de cestaría do Rato- A inscrición poderá facerse a partir de mañá venres e ata o día 19. O formulario de solicitude, dispoñible en www.deputacionlugo.gal, debe entregarse no Rexistro Xeral da Deputación

A Deputada de Deseño e Artesanía en funcións, Regina Polín, presentou este xoves a nova programación de actividades organizada para este verán polo Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, para os máis cativos da casa. Serán 120 prazas totalmente gratuítas en obradoiros de contos reciclados, manualidades de verán, artesanía e ciencia, coiro, cestaría creativa e de reciclaxe, fotografía e scrapbooking, para nenos de 5 a 14 anos, que se desenvolverán en tres quendas diferentes, do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo e do 17 ao 31 de agosto, nas instalacións do CENTRAD e no obradoiro de cestaría do río Rato.

No acto, no que tamén estiveron presentes varios docentes destes cursos, Polín fixo fincapé no “éxito rotundo destes obradoiros” ao tempo que lembraba que na pasada convocatoria de Semana Santa cubríronse as prazas o mesmo día que se abriu o prazo de inscrición. “Isto demostra o interese que espertan estas actividades lúdicas-educativas nas familias luguesas”, destacou.

A Deputada en funcións sinalou a “gran oportunidade que supoñen os talleres para que os máis cativos da casa coñezan a tradición artesanal tradicional da provincia cunhas actividades moi diferentes das habituais, ao tempo que se relacionan con outros mozos da provincia das súas idades”.

O organismo provincial puxo en marcha estes obradoiros para que os nenos empreguen as súas épocas estivais con actividades de lecer diferente e cuns horarios que faciliten que nais e pais poidan conciliar a familia e o traballo. “Coa organización destes obradoiros para conciliar a vida laboral e a familiar damos resposta tamén ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos”, avanzou Polín.

120 cativos e 7 obradoiros
Para este verán o CENTRAD ten preparados 7 obradoiros gratuítos. Os nenos de entre 5 e 7 anos realizarán na primeira e na terceira quenda talleres de contos reciclados e manualidades de verán “crear e reciclar”. Os de 8 a 10 anos terán a oportunidade de practicar co coiro e de experimentar coa ciencia, tamén na primeira e na terceira quenda, e os mozos de 11 a 14 anos iniciaranse na fotografía e na cestaría creativa de reciclaxe nestas mesmas quendas.

Na segunda quenda os cativos dividiranse, tamén por idades, pero de diferente modo. Nenos de 5 a 9 anos realizarán contos reciclados e manualidades e mozos de 10 a 14 practicarán as técnicas do scrapbooking e fabricarán obxectos de coiro.

A programación ten en conta as idades e as capacidades dos nenos participantes, se ben haberá dous monitores de apoio, ademais do propio persoal do CENTRAD, para que os nenos con necesidades especiais aproveiten ao máximo estes obradoiros.

Trátase pois, dunha oferta de 120 prazas totalmente gratuítas, 45 na primeira e na terceira quenda, e 30 na segunda, e das que un 15% están reservadas para nenos con necesidades especiais. O horario será o mesmo para todos os cursos, de 09:00 a 14:00 horas, cun descanso de 11:00 a 11:30 horas, durante o que poderán repoñer forzas cun almorzo que traian da casa os que así o desexen. De 13:15 a 14:00 horas os participantes visitarán os diferentes obradoiros e exposicións do centro.

Inscricións
Para inscribirse nos Obradoiros Artesanais Infantís de Verán deberase presentar o formulario de inscrición debidamente cumprimentado. O prazo será a partir de mañá ata o 19 de xuño, ambos inclusive, e o formulario poderase descargar na web www.deputacionlugo.gal a partir deste venres. Este deberase entregar no Rexistro Xeral da Deputación, no Pazo de San Marcos, de luns a sábado, en horario de 09:00 a 14:00 horas. As inscricións realizaranse seguindo a rigorosa orde de solicitude, tendo preferencia os nenos dos solicitantes que acheguen un certificado de empresa acreditando que os pais traballan nos días de celebración dos obradoiros.