Deputación de Lugo

O BOP publica mañá as listaxes das 288 entidades e 306 perfís da segunda fase do Ben Empregado!

Imaxe deputación de lugo
- A publicación incluirá as entidades seleccionadas, as de reserva e as excluídas, así como as bases da convocatoria e o modelo de solicitude para os interesados en optar aos perfís profesionais- O prazo de presentación no Rexistro Xeral da Deputación da documentación requirida nas bases será de dez días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación

O Boletín Oficial da Provincia publica mañá a resolución das 288 entidades e colectivos beneficiarios da segunda fase do Ben Empregado, así como os perfís dos 306 postos de traballo solicitados. Igualmente, publicaranse as bases de selección e o modelo de solicitude de participación.

A listaxe recollerá as entidades seleccionadas, entre as que están 248 autónomos, pemes e microempresas, así como 40 asociacións sen ánimo de lucro, que desenvolven a súa actividade por toda a provincia. Destacan, por número, as radicadas nas comarcas de Lugo, Terra Chá, Zona Sur e A Mariña; seguidas das de Sarria, A Montaña e a Ulloa.

Xunto a esta listaxe de seleccionadas, tamén se publicará a de entidades que quedarán en reserva, ás que se recorrerá en caso de posibles renuncias por parte das primeiras, así como as excluídas.

306 novos postos de traballo
Estas 288 entidades acollerán, durante un período dun ano, a 306 desempregados lucenses, que traballarán con contratos de calidade e con vocación de permanencia. Entre os perfís solicitados destacan os relacionados cos sectores agropecuario e forestal, xunto cos relacionados co medio ambiente, posto que as empresas piden dende veterinarios, peóns en explotacións gandeiras ou enxeñeiros agrónomos e forestais.

Destacan tamén os perfís de carácter social, como educador e traballador social, psicólogo ou monitores de actividades físicas e tempo libre; os administrativos e titulados en administración de empresas; así como os vinculados coa hostalería, turismo e novas tecnoloxías.

Os interesados en participar, terán un prazo de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para presentar a documentación requirida nas bases no Rexistro Xeral da entidade.

O Ben Empregado!, o 4º macroproxecto de creación de emprego posto en marcha pola Deputación de Lugo nos últimos catro anos, contou cun orzamento de 6 millóns de euros.