Deputación de Lugo

CANDIA INTERÉSASE POLO ESTADO DAS INSTALACIÓNS DA PROTECTORA DE ANIMAIS E OFRECE O SEU APOIO

A presidenta da Deputación provincial visitou as instalacións do centro de coidado e acollida de cans e outros animais acompañado do máximo responsable da entidade, Francisco Javier García Calleja
Concederá unha subvención excepcional, por importe de 10.000 euros, sen descartar novas vías de colaboración e, polo tanto, trataron os trámites e xestións necesarios
Preocupouse polo futuro da entidade e comprobou o extraordinario traballo dun equipo preocupado porque os animais residentes vivan en condicións óptimas e cos coidados oportunos ata a súa adopción.

Lugo, 22 de xullo de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, visitou esta mañá as instalacións da sociedade protectora de animais e plantas de Lugo, acompañada do presidente desta entidade, Francisco Javier García Calleja.

Desde o Goberno provincial interésanse polo estado das instalación e quixeron manifestar o seu apoio á continuidade da actividade deste centro de acollida e coidado de cans e outros animais ante a situación de dificultade que atravesa como consecuencia da saturación polo gran número de animais que foron abandonados e agora se atopan nas súas instalacións

A presidenta da Deputación preocupouse polo futuro da entidade e comprometeuse a impulsar distintos apoios para colaborar cunha iniciativa que entende vital para dar solución á problemática do abandono animal.

Como primeira medida o Goberno provincial concederá unha subvención excepcional, por importe de 10.000 euros, que servirán como apoio económico, sen descartar outras vías de colaboración.

A presidenta da Deputación fixo unha visita polas instalacións e comprobou de primeira man o traballo dun equipo que se preocupa polos animais residentes. Candia quixo poñer en valor e recoñecer o traballo que realizan os promotores e responsables desta protectora e felicitar aos empregados e voluntarios, polo seu fondo compromiso a favor dos animais abandonados, unha labor encomiable que denota gran dedicación e entrega.