Deputación de Lugo

“La alegría del color” inunda de luminosidade á Capela de Santa María

- Lara Méndez inaugurou a exposición La alegría del color, unha mostra itinerante que reúne unha trintena de obras do pintor coruñés José Ramón Iglesias- A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 27 de xullo, de luns a venres en horario, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é de balde

A Vicepresidenta Segunda da Deputación en funcións, Lara Méndez, inaugurou este venres na Capela de Santa María a exposición itinerante La alegría del color, unha mostra que traslada aos visitantes a través da arte e da cor á idiosincrasia galega, deixando pouco espazo á improvisación, con representacións sintomáticas da realidade. Lugo é a terceira parada desta mostra que persigue que todo visitante que entre converta a súa tristeza en alegría a través da intensidade e do silencio da cor, tras o seu paso por Madrid e por Santiago de Compostela, onde recibiu a visita dunhas 6.000 persoas durante cinco meses.

No acto de inauguración, no que tamén estivo presente a Deputada de Deseño e Artesanía en funcións, Regina Polín; Méndez lembrou que grazas a La alegría de color, “poderemos recoñecer temas populares e feitos cotiás, a través dos trazos enérxicos dos pinceis de José Ramón, cheos de forza e dinamismo, que transmiten pracer e alegría”.

A Vicepresidenta, que cualificou a mostra como “unha exposición con fondos coloridos e moita luminosidade, artífice de sensacións, reflexos e sentimentos”, fixo fincapé no espazo que vai acoller durante dous meses a exposición, a Capela de Santa María, “un espazo único, capaz de dar cabida á arte, conxugando perfectamente tradición e modernidade, espertando sempre grande interese para o público”.

Neste senso insistiu Polín, quen lembrou que “unha vez máis, a Capela acolle unha exposición de exquisita calidade, cun artista feito a si mesmo tamén excelente, que se suma á longa lista de nomes que teñen dado a este espazo o nivel que hoxe todos lle recoñecen”.

Pola súa banda, o autor quixo agradecer a disposición da Deputación para acoller as súas creacións, “obras que non deben explicarse, que deben falar por si mesmas”, tal e como as cualifica o artista.

Unha trintena de óleos con matriz autóctono
Nesta exposición, con marcado matiz autóctono, poderán observarse unha trintena de creacións, a través dunha explosión de luz e alegría. Malia que as pinturas non seguen un fío condutor en canto á temática, e as diferenzas entre unhas e outras son notorias, toda a exposición do artista caracterízase pola cor e a base figurativa xeometrizada. “Paraguas”, “Recordos” ou “El Concierto” son algúns dos óleos máis destacados da exposición que se poderá visitar nas próximas semanas.

Horarios da exposición
La alegría del color permanecerá aberta ata o 27 de xullo na Capela de Santa María, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.