Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN DE LUGO REDACTA O PROXECTO PARA A CONSTRUCIÓN DE VIVENDAS TUTELADAS PARA PERSOAS MAIORES EN PORTOMARÍN

Estes apartamentos adecuaranse no antigo centro médico e contarán cun total de 40 prazas


Candia tamén se comprometeu a colaborar no financiamento das obras

Lugo, 05 de setembro de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, anunciou hoxe que a administración provincial está a redactar o proxecto para a construción de vivendas tuteladas para persoas maiores en Portomarín.
Candia explica que se está a atender a unha demanda que lle trasladou o alcalde da localidade, Juan Serrano, e que se considera “moi necesaria” no municipio tal e como solicitan os veciños. Estas vivendas tutelas diríxense a persoas maiores que teñen un adecuado nivel de autonomía persoal, pese que presentan dificultades para poder seguir residindo no seu domicilio habitual.
Estes apartamentos adecuaranse na edificación coñecida como antigo centro médico e antiga casa residencial do médico, tal e como lle solicitou Juan Serrano á presidenta provincial. O número de vivendas permitirá á atención dun total de 40 persoas maiores de Portomarín. Nestes apartamentos autónomos os residentes recibirán asistencia dos servizos sociais e o Concello é o responsable do bo funcionamento así como do trato óptimo dos usuarios.
A maiores, a presidenta da Deputación de Lugo tamén se comprometeu co alcalde de Portomarín a colaborar no financiamento das obras de adecuación do antigo centro médico en vivendas tuteladas. Candia anunciou que estudará as posibilidades orzamentarias en 2015, e senón aprobarase a axuda económica nos presupostos do próximo ano.
Por último, a presidenta da institución resaltou o forte compromiso do Goberno provincial coa atención a iniciativas dirixidas ao ámbito social e asistencial. “Dende o primeiro momento a prioridade deste novo goberno é o benestar, así quedou reflectido nos acordos adoptados nestes dous meses mediante a implicación cos maiores e coas persoas dependentes a través dun maior financiamento para servizos básicos como son a axuda no fogar e a teleasistencia domiciliaria”.