Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN DE LUGO FORMALIZA O CONVENIO CO CONCELLO DE BARALLA PARA SUBVENCIONAR CON 40.000 EUROS AS OBRAS DA CASA CONSISTORIAL

A administración provincial e a Xunta de Galicia prestan apoio ao proxecto de reforma da Casa Consistorial de Baralla como mostra clara de que a colaboración institucional permite que o alcance das actuacións “sexa maior e a atención aos nosos veciños sexa máis produtiva”• Candia defendeu que a cooperación cos concellos “é un dos nosos principais eixes de traballo” e esta achega económica ao Concello de Baralla “é moi necesaria para restablecer o normal funcionamento da administración local e que se podan prestar nas mellores condicións os servizos necesarios a todos os veciños”

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, formalizou hoxe o convenio regulador da subvención que o Goberno lucense destina a colaborar coas obras de acondicionamento da casa consistorial de Baralla.
A Deputación de Lugo destina 40.000 euros a atender a este proxecto de actuación no edificio do Concello, ao que se lle suma unha subvención de tamén 40.000 euros da Xunta de Galicia, xunto aos 20.000 euros que aportará a propia administración local. Polo tanto, hoxe asináronse dous convenios, que suman unha achega total de 100.000 euros.
Candia explicou que se está a atender a unha petición do Concello de Baralla “claramente xustificada, tanto polo seu motivo como pola súa excepcionalidade” e, segundo a presidenta da institución provincial darlle cumprimento a esta demanda da administración local “é moi necesario para restablecer o normal funcionamento do Concello e a prestación nas mellores condicións dos servizos municipais a todos os veciños. Estamos a prestar un apoio especialmente necesario”.
O Goberno provincial marcouse coma un dos seus principais eixos de traballo “a cooperación e colaboración cos concellos” e a resposta “unida que hoxe materializamos é un claro exemplo de que o traballo conxunto ten unha repercusión cuns efectos multiplicadores positivos”, dixo Candia. “A través destes convenios con participación da Xunta, da Deputación e do Concello referénciase a importancia da colaboración institucional, que permite que o alcance das actuacións sexa maior e, polo tanto, a atención aos nosos veciños sexa máis produtiva”, matizou a presidenta.