Deputación de Lugo

MOURE MANIFESTA O COMPROMISO DA DEPUTACIÓN NA POTENCIACIÓN E DINAMIZACIÓN DO RURAL COMO FONTE DE RIQUEZA E MEDIO DE VIDA E RESALTA A LABOR NESTA LIÑA DE SON D’ALDEA

O deputado Ramiro Moure eloxia as iniciativas que poñen en valor o mundo rural “lembran a súa historia e mostran as posibilidades que ofrecen aos cidadáns”A nova edición de Son d’Aldea celebrarase o 4 e 5 de setembro en Santiago de Albá, Palas de Rei

O deputado de Formación, Participación Cidadá e Novas Tecnoloxías, Ramiro Moure, defendeu esta mañá a necesidade de sacar adiante iniciativas como a de Son d’Aldea, coa finalidade de defender o mundo rural, unha idea base coa que traballa a Deputación de Lugo que ten un compromiso de potenciación e dinamización do rural tanto como fonte de riqueza como medio de vida.
O deputado participou esta mañá na presentación dunha nova edición da iniciativa Son d’Aldea, que dende fai cinco anos se celebra en Santiago de Albá (Palas de Rei), co obxecto, segundo explicou Moure, de “lembrar e dar a coñecer a cultura tradicional do rural, así como de mostrar as posibilidades de futuro que ofrece aos cidadáns”. No acto tamén estivo presente o alcalde da localidade, Pablo Taboada.
Esta actividade organizada pola Asociación Cultural e de Veciños de Santiago de Albá (O Parzamique) desenvolverase entre os días 4 e 5 de setembro e segundo reitera o promotor, José Luís Carreira, trátase dunha aproximación ás coordenadas sociais e culturais do rural no pasado e dunha reflexión sobre novas vías de ruralidade no presente.
Así, a xornada de reflexión que se celebrará o venres día 4, a partir das 17:00 horas, centrarase en novas experiencias de vida no rural contadas por protagonistas que preferiron a vida na aldea e buscaron novas oportunidades e retos para saír adiante nun mundo global.
Mentres que o sábado día 5, a programación permitirá aos visitantes volver ao pasado e recordar as experiencias da vida na aldea durante os anos 50 e 60, a través da celebración dun roteiro teatral. Levarase a cabo coa participación de máis de 100 persoas da aldea, coordinadas por Metátase Teatro, e nesta ocasión o fío condutor e temático será o de ‘mocear’, a través de diferentes escenas que se amosarán en 14 escenarios diferentes.
Esta iniciativa tamén permite dar a coñecer os produtos autóctonos da zona que se degustarán durante un xantar na aldea. A maiores, haberá mostras de oficios artesáns así como de artesanía alimentaria.
Por último, Moure manifestou a colaboración da Deputación na promoción e difusión deste tipo de iniciativas que ofrecen as posibilidades da zona e para iso a Fundación TIC implicarase na elaboración dun vídeo que recollerá imaxes da programación prevista para o 4 e 5 de setembro.