Deputación de Lugo

A Deputación define coa Asociación da Madeira accións formativas do LUGOWORK

A Asociación demandou profesionalizar este sector con formación regrada, xa que é un sector xoven, con moito peso económico na provincia e que ademais contribúe a asentar poboación no rural

A Deputación celebrou este xoves unha mesa sectorial coa Asociación Primera Transformación de la Madera, na que definirán accións formativas do LUGOWORK, o primeiro plan de emprego xuvenil participativo na provincia luguesa. Esta programación está dotada de 2 millóns de euros, que o organismo provincial foi capaz de captar da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial. Ofrecerá a un mínimo de 300 mozos lucenses no paro formación sobre os nichos de emprego, que precisamente están a definir Deputación e sectores produtivos. Logo da formación, concederanse axudas económicas para a contratación dos rapaces en empresas da provincia ou para a apertura dos seus propios negocios.

Asociación Primera Transformación de la Madera de Lugo, que representa a 225 asociados, demanda formación académica para os profesionais deste sector. Sinalan que neste campo hai un mercado de traballo con moito futuro, xa que cada día nesta provincia móvense 1.500 camións de madeira diariamente. Sobre o proceso de transformación deste produto, explican que divídese en dúas partes, por un lado está o aserradero e por outro o procesado de transformación da madeira. A asociación insiste na necesidade de profesionalizar este sector con formación regrada, xa que é un sector xoven, con moito peso económico na provincia, e que ademais contribúe a asentar poboación no rural.

Calendario
O organismo provincial xa mantivo encontros con membros da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo; coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC); coa Fundación Laboral da Construción; coas Mulleres Empresarias da Provincia; con APREVAR, así como coa Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE). Durante esta semana tamén mantivo encontros coa Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías de Información e Comunicación (AGESTIC).

O Deputado Rivera Capón animou a todos os empresarios a facer as súas propostas, que tamén se poden trasladar directamente dende internet, en www.deputacionlugo.gal.

En xuño, Deputación e EOI teñen previsto presentar a programación das accións formativas do LUGOWORK.

LUGOWORK
LUGOWORK ofrecerá formación gratuíta a un mínimo de 300 desempregados lucenses de entre 18 a 30 anos para a súa inserción laboral en empresas da provincia, que recibirán axudas de ata 4.200 euros para os custos salariais e da seguridade social dos novos traballadores; ou por conta allea, opción que fomenta o emprendemento e na que os mozos contarán con ata 3.000 euros para abrir os seus propios negocios.