Deputación de Lugo

A Deputación define co sector da tecnoloxía e comunicación accións formativas do LUGOWORK

- AGESTIC demandou formación transversal e con prácticas reais en empresas da provincia, en aspectos como a seguridade de internet e da información; o internet das cousas; desenvolvemento web ou creación de contidos online 
- O vindeiro xoves, 12 de maio, terá lugar o encontro coa Asociación de Transformación da Madeira. Os empresarios que así o desexen poden facer as súas propostas directamente dende internet en www.deputacionlugo.gal.

A Deputación celebrou este martes unha mesa sectorial coa Asociación Gallega de Empresas de Tecnologías de Información y Comunicación Lugo (AGESTIC LUIGO) para definir novas accións formativas do LUGOWORK, o primeiro plan de emprego xuvenil participativo da provincia. Esta programación está dotada de 2 millóns de euros, que o organismo provincial foi capaz de captar da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial. Ofrecerá a un mínimo de 300 mozos lucenses no paro formación sobre os nichos de emprego, que precisamente están a definir Deputación e sectores produtivos. Logo da formación, concederanse axudas económicas para a contratación dos rapaces en empresas da provincia ou para a apertura dos seus propios negocios.

Esta mañá con AGESTIC, ademais de técnicos provinciais, estivo o o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado de Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, que avanzou que este colectivo demanda accións formativas concretas en aspectos como a seguridade de internet e da información; o internet das cousas; desenvolvemento web; creación de contidos online ou maquetación, entre outros.

AGESTIC subliñou tamén a importancia da formación transversal dos profesionais das TIC’s, para buscar unha maior alfabetización dixital na cidadanía, co fin de sensibilizar ao público en xeral da importancia das tecnoloxías da comunicación e información. Rivera Capón coincidiu na “necesidade de implantar na sociedade estes novos coñecementos” e apostou por “elaborar actuacións por bloques temáticos que sexan de carácter eminentemente práctico, buscando empresas da provincia de Lugo nas que facer prácticas e onde poidan adquirir e reforzar coñecementos”.

Neste senso, Rivera Capón, subliñou “o compromiso da Deputación co ámbito das novas  tecnoloxías e comunicacións, non só polo impulso que lle damos na propia administración, senón tamén a través da Fundación TIC”. O Deputado de Participación e Transparencia lembrou “a grande labor que se fai cos maiores da nosa provincia a través do INLUGO, co que ofrecemos obradoiros de novas tecnoloxías encamiñados a formar en novas tecnoloxías aos máis maiores, impulsando deste xeito a alfabetización dixital”.

7 mesas sectoriais
Coa mesa sectorial que tivo lugar este martes, o organismo provincial xa mantivo 7 encontros con empresarios e asociación de diferentes sectores económicos da provincia de Lugo. O organismo provincial reuniuse con membros da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo; coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC); coa Fundación Laboral da Construción; coas Mulleres Empresarias da Provincia; con APREVAR, coa Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), así como cos Asociación Gallega de Empresas de Tecnologías de Información y Comunicación Lugo (AGESTIC).

O xoves, día 12 de maio, será o turno da Asociación de Transformación da Madeira. Rivera Capón animou a todos os empresarios a facer as súas propostas, que tamén se poden trasladar directamente dende internet, en www.deputacionlugo.gal.

En xuño, Deputación e EOI teñen previsto presentar a programación das accións formativas do LUGOWORK.

LUGOWORK
LUGOWORK ofrecerá formación gratuíta a un mínimo de 300 desempregados lucenses de entre 18 a 30 anos para a súa inserción laboral en empresas da provincia, que recibirán axudas de ata 4.200 euros para os custos salariais e da seguridade social dos novos traballadores; ou por conta allea, opción que fomenta o emprendemento e na que os mozos contarán con ata 3.000 euros para abrir os seus propios negocios.