Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación aproba mañá novas obras de 400.000 euros na estrada de Momán ás Pontes

- Campos Conde mantivo un encontro con veciños da zona, o párroco e o Alcalde para informalos sobre o punto no que se atopa o conxunto de obras nesta vía
- A día de hoxe, a Deputación rematou co ensanchamento e o aglomerado do treito comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 2, e continuará coa sinalización. Estas actuacións contan con 240.000 euros da Deputación
- O Executivo Provincial aprobará mañá na Xunta de Goberno o proxecto e o inicio da contratación das melloras dende o quilómetro 2 ao 4 por valor de 415.000
- O Goberno da Deputación suma unha achega económica superior 650.000 euros no arranxo desta vía; investimento que será superior pois o obxectivo é mellorala na súa totalidade ao longo deste mandato a través de varias fases de actuación

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo este xoves un encontro con veciños de Momán para informalos sobre o punto no que se atopan o conxunto de obras na estrada LU-P-2204, que discorre por esta localidade e ata As Pontes. Tamén participaron o Alcalde de Xermade, Roberto García, e o párroco da zona.

Campos Conde explicou que a día de hoxe a Deputación está a rematar as melloras dende o punto quilométrico 0 ao 2, no que se aplicou o aglomerado en quente e agora vanse a executar os traballos de sinalización.

Estas actuacións, que contan cun orzamento de 240.000 euros do organismo provincial, tiveron que ser paralizadas ata contar co Orzamento de 2016. Unha vez aprobado este, a institución retomounas, continuando co ensanche da vía.

O titular provincial adiantou que mañá o Executivo da Deputación aprobará na Xunta de Goberno o proxecto e o inicio do proceso de contratación de novas e máis obras na LU-P-2204 por valor de 415.000 euros.

É o orzamento que a institución luguesa achega ao arranxo do treito comprendido entre o punto quilométrico 2 ao 4. Contempla a mellora do firme con aglomerado en quente, o ensanche da calzada e traballos de sinalización horizontal e vertical.

Con estas actuacións, a Deputación suma un investimento na estrada de Momán ás Pontes de máis de 650.000 euros, que tiña comprometido aos veciños da zona, pois pediron a mellora desta vía durante a elaboración do Orzamento Participativo.  

Campos Conde explicou que o obxectivo do Goberno da Deputación é arranxar a totalidade desta vía, que conta con 12 quilómetros, ao longo deste mandato e a través de novas e máis fases de actuación, como as que están a piques de rematar ou as que se aprobarán mañá na Xunta de Goberno.