Deputación de Lugo

Campos destina 330.000 euros máis do orzamento da Deputación ao Consorcio para equiparar os salarios dos bombeiros de Lugo aos de Ourense

- O Presidente presentou ao Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros unha iniciativa para que os 132 profesionais dos 6 parques lugueses cobren o mesmo que os ourensáns
- “Mesmo traballo, mesmo risco, mesmo soldo”, subliñou Campos, pois un profesional de Lugo recibe un salario anual de 18.000 euros fronte aos 21.400 euros dun de Ourense
- Campos fixo esta proposta, recollendo as reclamacións dos profesionais das instalacións contra incendios tras manter encontros cos seus representantes sindicais
- A Xunta, responsable do 50% dos parques, “estudará a proposta”, pois ten que achegar outros 330.000 euros para contar cos 660.000 necesarios e aplicar esta medida

O Presidente, Darío Campos Conde, presentou este xoves ao Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros, que asumen Deputación de Lugo e Xunta de Galicia ao 50%, unha proposta para equipar os salarios dos 132 bombeiros dos 6 parques lucenses aos ourensáns co obxectivo de igualar as condicións laborais destes profesionais en Galicia. “Mesmo traballo, mesmo risco, mesmo soldo”, subliñou o Presidente. Hai que ter en conta que, segundo datos oficiais, un bombeiro da provincia de Lugo recibe un salario anual de 18.000 euros fronte aos 21.400 euros dun de Ourense.

Campos Conde fixo esta proposta, recollendo as reclamacións que persoalmente lle trasladaron os bombeiros en varios encontros que mantivo cos seus representantes sindicais. O último aínda esta mesma semana. O Presidente xa destinou 330.000 euros máis do orzamento da Deputación de Lugo para 2017 ao Consorcio Provincial de Bombeiros, asumindo deste xeito o 50% que lle corresponde achegar á institución luguesa para aplicar esta medida de equiparación salarial a partires do vindeiro ano.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia, responsable do 50% restante, apuntou durante o Pleno do Consorcio de hoxe que “ía a estudar” a proposta de Campos. Correspóndelle achegar outros 330.000 euros para completar os 660.000 euros necesarios e poder aplicar esta medida.

Outra das proposta que fixo o Presidente da Deputación ao Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros foi converter as xornadas parciais dos bombeiros en completas, tal e como demandas estes profesionais. Son 9 bombeiros lucenses nesta situación. O Consorcio acordou o estudo técnico e administrativo desta medida.

Orzamento 2017
Á espera de coñecer se a Xunta de Galicia incrementa en 330.000 euros a súa achega ao Consorcio Provincial de Bombeiros, como xa fixo a Deputación de Lugo, para incrementar o salarios do bombeiros de Lugo aos de Ourense; hoxe o Pleno aprobou o Orzamento deste organismo para 2017.

Este ascende a 4.895.051, 60, financiados ao 50% pola Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. Cada administración achega, polo tanto, máis de 2,4 millóns de euros. A maiores, o organismo provincial xa confirmou que incrementará a súa aportación con outros 330.000 euros para gastos de persoal e mellorar as condicións laborais dos profesionais destas instalacións contra incendios.