Deputación de Lugo

A Historiadora Tamara González, gañadora do Premio Condado de Pallares co que colabora a Deputación

Imaxe deputación de lugo
- Tamara González López foi a gañadora deste ano polo seu traballo Apadriñamento e bautismo no suroeste de Lugo: Carballedo e Chantada (S. XVI a XIX)
- García Porto destacou “a importancia de colaborar neste tipo de iniciativas que fomentan o estudo da nosa cultura, historia e patrimonio”
- A gañadora recibiu un diploma, un premio de 3.000 euros e verá publicada a súa obra

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, participou este venres na entrega de premios da décima edición do Certame de Investigación Condado de Pallares que organiza a Asociación de amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. No acto tamén participou o Alcalde do Concello de Taboada, Ramiro Moure Ansoar, o Alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, o Alcalde do Concello de Guntín, Jesús Carreira Ferreiro, o Presidente da Asociación de amigos o Mosteiro de Ferreiro de Pallares, Carlos Vázquez García, o Coordinador Institucional de ABANCA, Alberto López Sánchez, e varios membros do xurado.

García Porto destacou “a importancia de colaborar neste tipo de iniciativas que fomentan o estudo da nosa cultura, historia e patrimonio, unha riqueza que non podemos permitir que desapareza. É necesario colaborar de xeito conxunto entre as administración públicas no eido da investigación porque crea un valor engadido para a nosa provincia”

Nesta edición foron 4 os participantes que presentaron escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa do 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo, as cinco localidades que no medievo integraban o Condado de Pallares.

A Historiadora, Tamara González López, recibiu un obsequio por parte do Concello de Taboada, un diploma e un cheque de 3.000 euros. Ademais, a gañadora desta edición verá publicado o seu traballo. O xurado valorou a calidade da investigación sobre unha temática e unha época aínda non ben desenvolvidas no ámbito do Condado de Pallares. É un traballo que a partir dos libros de bautismo da época moderna de sete parroquias desenvolve unha brillante análise da vida familiar e social galega da época, tomando como fío condutor a institución do apadriñamento nesta zona.

O xurado estivo composto por 3 profesionais do sector cunha ampla traxectoria recoñecida no ámbito dos estudos histórico e da Universidade. Estes foron Carlos Baliñas Pérez, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, e Fernando Arribas Arias.