Deputación de Lugo

San Andrés de Ferreiros, parroquia rural de Pol, conta coa 1ª rede de abastecemento de auga pública grazas á Deputación

- O Presidente informou que se achegarán outros 30.000 euros á Asociación de Veciños San Andrés de Ferreiros para alongar a rede de abastecemento de San Martín ata Gomesende, beneficiando de xeito directo aos preto de 100 veciños da zona
- As obras en San Andrés, dotadas con máis de 56.000 euros, están encamiñadas a dotar de auga potable a un núcleo gandeiro, composto por máis de 800 cabezas, así como a varias casa da zona
- Campos Conde destacou que “con esta actuación atendemos unha reclamación histórica dos veciños e continuamos dotando ao rural de novas infraestruturas, co fin de mellorar o día a día dos veciños e fixar poboación ”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado do Deputado de Medio Rural e Alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, así como de ducias de veciños da zona, supervisou este martes as obras que o organismo provincial está a a financiar para crear a rede principal de abastecemento de auga na parroquia de San Andrés de Ferreiros, no Concello de Pol.

Campos Conde informou que “con esta actuación, dotada cunha axuda provincial de 56.000 euros, atendemos unha reclamación histórica dos veciños achegando a rede de abastecemento ás granxas da zona, nas que hai máis de 800 cabezas de gando; así como a varias casas do lugar. A través destas axudas, continúamos dotando ao rural de novas infraestruturas, co fin de mellorar o día a día dos veciños e fixar poboación, aínda que se precisa unha maior implicación de todas as administracións do Estado”.

Rodríguez Ónega destacou que “esta actuación que agora financia a Deputación foi solicitada no ano 2009 a Augas de Galicia. De feito, incluso se aprobou en Pleno a cesión de terreos pero coa chegada do Partido Popular á Xunta o proxecto foi retirado, de aquí que decidiramos solicitar esta actuación tan necesaria para o Concello ao organismo provincial. Pero a historia volveuse repetir pois, ao chegar Candia á Presidencia da Deputación, volveu paralizar o proxecto. Esta é a maneira de facer política do Partido Popular.”

Características da obra
Esta obra, que rematará previsiblemente ao final do mes de marzo, consiste na prolongación da rede municipal de abastecemento de auga ata os núcleos de Chaín, Gatín, Cañotos e Ferreirós, na que se empregarán ao redor de 2.100 metros de tubaxe.

Para levar a cabo dita ampliación, construíronse varios ramales formados por tubaxes de diferentes diámetros- en función das necesidades de cada terreo- que descorrerán, maioritariamente, polas cunetas e arcéns de camiños de titularidade municipal. Os medios que se están a empregar son camións, palas, motoniveladoras, apisonadoras, camións cisterna, reagadoras de bituminosa ou retroexcavadoras, entre outros. 

Programa de mellora do abastecemento de auga
Na xornada, Campos Conde mantivo un encontro con membros da Asociación Parroquial San Andrés de Ferreiros, no que informou que o organismo provincial achegará a dita asociación veciñal unha axuda de 30.000 euros, incluída dentro do Programa de mellora do abastecemento e da calidade da auga no medio rural. Campos Conde destacou que con esta achega poderase alongar a rede de abastecemento de San Martín ata Gomesende, beneficiando de xeito directo aos preto de 100 veciños da zona.
Plan de Impulso do Medio Rural
O Presidente da Deputación lembrou tamén que dentro do programa de apoio ao sector agrogandeiro na provincia de Lugo, téñense recuperado no Concello máis de 10 hectáreas de terreos que estaban baldíos e que agora están para pór en produción.