Deputación de Lugo

Os veciños de Burela reciben máis de 500.000 euros da Deputación para dotacións públicas, políticas sociais e emprego

- O Presidente asinou no Libro de Ouro do Concello e apuntou: “É unha honra presentar no Concello máis multicultural da Mariña, exemplo de convivencia, integración e respecto, un investimento da Deputación para humanizar, máis se cabe, este municipio” - Campos Conde comprometeuse a “seguir traballando man con man co Concello para ofrecer novas prestacións públicas aos 9.500 burelenses de 40 nacionalidades. Xuntos encheremos a Burela, que xa é o Concello máis novo da provincia, de aínda máis futuro”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este xoves en Burela o 1º investimento do Orzamento de 2016 para este municipio. Está dotado de case 500.000 euros, dirixidos á mellora de infraestruturas e dotación de novos servizos públicos municipais, ao impulso de políticas sociais nos eidos do benestar, educación, cultura e deportes, así como á xeración e pulo de emprego. Campos Conde fíxoo nunha visita institucional, que arrancou no Consistorio cunha recepción por parte do Alcalde, Alfredo Llano García, e outros membros da Corporación.

O titular provincial asinou no Libro de Ouro do Concello e apuntou: “É unha honra presentar no Concello máis multicultural da Mariña, exemplo de convivencia, integración e respecto, un importante investimento da Deputación para humanizar, máis se cabe, este municipio. Este Presidente seguirá traballando man con man co Concello para mellorar e ofrecer novas prestacións públicas aos máis de 9.500 burelenses de 40 nacionalidades. Xuntos encheremos a Burela, que pola media de idade dos seus veciños é o Concello máis novo da provincia, de máis futuro”.

Campos Conde salientou que Deputación e Concello de Burela comparten unha mesma aposta: “mellorar a calidade de vida dos cidadáns a través do público. É dicir, ofrecendo servizos de calidade e xerando oportunidades económicas dende as administracións”. Por este motivo, o Presidente explicou que o medio millóns de euros que o organismo provincial leva a este municipio mariñán está dirixido ao impulso das infraestruturas, dotacións públicas, políticas sociais e do emprego. Deste xeito, os máis de 500.000 euros serán para as seguintes actuacións:

Infraestruturas e dotacións públicas
- 150.000 euros para mellora de rúas. Este investimento é para o asfaltados das rúas Arcadio Pardiñas, Nosa Señora do Carme e Camiño Real.

- 100.000 euros para a dotación de vestiarios no campo de fútbol da Marosa.

- 47.281 euros para as obras do POS 2016. Este investimento é para a ordenación do tráfico e mellora da sinalización das rúas Nosa Señora do Carme, Rosalía de Castro, Pardo Bazán, Castelao, Concepción Arenal, Leandro Cucurni, Río Xunco, José María González Río, Avenida da Mariña, Avenida do Cabaliño, Beiramar, Da Pedra, Cova Moura e Lamestra. Da cantidade total, a Deputación achega 37.825 euros, pois Campos Conde decidiu triplica o investimento do organismo provincial ás obras municipais desta programación; e o Concello outros 9.456 euros.

- 40.000 euros para o arranxo de beirarrúas. Estes traballos son para adaptalas á nova normativa europeo en prol da accesibilidade.

- 28.500 euros para a mellora da sinalización viaria.

- 12.000 euros para o acondicionamento e equipamento dos 4 parques infantís da localidade: Rosalía de Castro, Monte Castelo, Hospital, Suafonte e Tíjola.

- 35.000 euros para o arranxo do Barco Museo. É unha infraestrutura singular e única, que se converteu nun atractivo turístico na localidade. Serve como modelo de unidade didáctica, pois amosa os diferentes modelos de captura de pesca.  

- 15.858 euros do Plan Enerxético da Deputación nos Concellos. Con este investimento, o organismo provincial financia en Burela melloras na rede de alumeado público, instalacións de caldeiras ou estufas de biomasa, así como novas redes de calor e illamentos térmicos. Faino para aforrar cartos ás arcas municipais ao reducir  custos correntes pola luz ou calefacción e implantar mecanismos sostibles.

- 3.171 euros para Tics. Os Concellos teñen que realizar melloras nas súas sedes electrónicas antes do 1 de outubro pola entrada en vigor da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Esta normativa establece cambios nas ferramentas tecnolóxicas para axilizar, modernizar, simplificar e garantir aos cidadáns a realización de todos os seus trámites cos municipios de xeito telemático. Por este motivo, a Deputación ofrece aos 66 municipios de menos de 20.000 habitantes axudas económicas.

Políticas sociais
-25.000 euros en impulso do envellecemento activo, pois son para a organización de actividades dirixidas a maiores.

-9.500 euros para actividades educativas e culturais. Son para promover a celebración de concursos, premios ou encontros, que fomenten o intercambio cultural e xeracional. Tamén para promover as actividades da Coral Polifónica de Burela.

-  16.588 euros para o Servizo a Domicilio. Por 1ª vez, esta prestación suporá custo cero para os Concellos, xa que o Goberno da Deputación decidiu asumir todos os custos. De xeito pioneiro, o organismo provincial ofrece aos municipios un adianto do 90% e a posibilidade de financiarlles, ademais dos gastos de persoal, os gastos de funcionamento. Deste xeito, axústase ás necesidades dos usuarios de cada unha das distintas entidades locais co obxectivo de mellorar a calidade deste servizo público.

Xeración e impulso do emprego
- 29.812 euros para xeración directa de novos postos de traballo. É a cantidade que lle corresponde a Burela co DEPUEMPREGO, o plan de emprego da Deputación nos Concellos. Con esta axuda, o organismo provincial asume os gastos de contratación e da seguridade social pola contratación de novos traballadores cos que o municipio poida reforzar a prestación de servizos públicos aos seus veciños. Trátase dunha aposta persoal do Presidente polo emprego e a máxima cooperación cos Concellos para responder ás necesidades de lucenses de todos os municipios da provincia. 

- 8.000 euros para a Feira do Bonito. O organismo provincial colabora no financiamento desta cita no marco da súa aposta polo impulso do sector pesqueiro e dos produtos do mar para impulsar o emprego e xerar riqueza. 

- 6.000 euros para o Clube Baloncesto Burela. Un Clube que ten unha ampla canteira de xogadores e xogadoras de todas as idades, e que tamén conta cun equipo feminino que xoga na 1ª división autonómica.