Deputación de Lugo

Éxito da transmisión en directo do V Lucus Intercentros  realizada pola Fundación TIC

- O streaming  do concurso organizado polo IES Muralla Romana foi seguido dende os sete institutos lucenses participantes a través das web da TIC e do IES Muralla Romana   - Ambas entidades manteñen un convenio de colaboración para promover as ensinanzas que imparte o instituto lucense e completar a formación  dos estudantes da Escola de Imaxe e Son

Mais de medio centenar de persoas seguiron en directo á transmisión do V Concurso Lucus Intercentros  realizada, este venres, por bolseiros e técnicos da Fundación TIC, dende o IES Muralla Romana. O IES Virxe dos Ollos Grandes gañou o certame no que participaron alumnos de primeiro curso de Bacharelato dos sete institutos públicos da capital.

Os seguintes clasificados foron o IES Xoán Montes, no segundo posto; IES  Lucus Augusti, no terceiro e IES Leiras Pulpeiro, no cuarto. Anxes Fole, Muralla Romana e San Xillao recibiron cadanseu accésit.

Na entrega de premios participou o Deputado de Innovación e TICs, Pablo Rivera.  Coma agasallo, os  tres primeiros equipos recibiron unha tableta para cada un dos membros; o cuarto uns altofalantes, e os accésit unha batería portátil.

O equipo de bolseiros e técnicos da TIC utilizou catro cámaras para o streaming, difundido nas web da TIC e do IES Muralla Romana.

Formato dixital
O concurso de formato dixital desenvolveuse, ao longo da mañá, en fases eliminatorias. Os sete equipos, formados por tres alumnos, recibiron e deron resposta ás preguntas de cultura xeral tipo test, a través de ordenadores.

Con esta iniciativa, os alumnos do ciclo de Administración e Xestión do IES Muralla Romana, coa achega do departamento de Informática, poñen en práctica o currículo de Asistencia á Dirección na organización de eventos e actos públicos

A  Fundación TIC colabora co IES Muralla Romana na difusión do Lucus Intercentros, dende a súa primeira edición, no ano 2012. A achega é froito do convenio que ambas entidades manteñen para completar a formación práctica dos alumnos da EIS, e promover as ensinanzas que imparte o instituto lucense.

Posteriormente, os estudantes da EIS editarán un DVD coas imaxes gravadas durante o streaming, que se entregará  aos centros educativos da capital co fin de divulgar o certame educativo.

No V Lucus Intercentros, ademais da TIC, colaboraron a Escola de Arte e Superior de Deseño” Ramón Falcón”, e o CIFP Politécnico de Lugo.