Deputación de Lugo

Darío Campos participa na conmemoración do Día do Libro en Cervantes

A Deputación realiza cada ano campañas de lectura cos mozos da provincia e promociona a cultura galega colaborando coas Feiras do Libro da provincia

O Presidente, Darío Campos Conde, o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, o Presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, participaron hoxe na celebración do Día do Libro do Concello de Cervantes.

O Presidente felicitou ao Alcalde por “propiciar iniciativas como esta, xa que por un lado promovese a cultura e a lectura, e por outro premiase e valorase aos rapaces que empezan a despuntar nas escritura. Estes premios tamén son un bo acicate para os futuros aprendices de Cervantes”, ironizou.

Campos Conde animou aos máis novos a buscar nos libros “ un estímulo para acadar satisfacer as súas inquedanzas. “Ler sempre é unha fonte de pracer, xogo e entretemento. Tamén é un medio para espertar a creatividade e un soporte educativo fundamental de valores”. Nese senso, emprazou aos mozos presentes no acto “a que lean e a que se deixen levar polas palabras e pola literatura para descubrir novos mundos”.

A UNESCO decidiu escoller o día 23 de abril para celebrar o Día do Libro e para render unha homenaxe mundial ao libro e aos escritores, e así convidar aos máis mozos a descubrir o pracer da lectura e respectar a inmensa contribución dos creadores ao progreso social e cultural .

A Deputación realiza cada ano campañas de lecturas cos mozos da provincia. Ademais, colabora na promoción da cultura galega mediante un convenio de colaboración para promover Feiras do Libro na provincia.

Concello de Cervantes
O Concello lucense de Cervantes celebra cada ano o Día do Libro con diversos actos. Este ano entregáronse os premios de redacción e debuxo aos alumnos do C.P.I de Cervantes, e máis tarde o Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, actuou como pregoeiro desta nova edición do Día do Libro, cunha conferencia que levou por título “Unhas cantas cavilacións para que os escolares se interesen polo Quíxote”.