Os visitantes do Museo Provincial recibirán a vindeira semana o fotolibro de Iván Merayo sobre a morte
A Deputación entregará, ata esgotar existencias, durante a vindeira semana (31 de outubro ao 6 de novembro) a todos visitantes do Museo Provincial un Fotolibro que leva por título Por que tapan a dor con flores?, do artista Iván Merayo (Pontevedra, 1971) con motivo da celebración do Samaín, pois este traballo fotográfico fai unha reflexión sobre a morte.
Iván Merayo inaugurará ademais o vindeiro xoves, 3 de novembro, a nova exposición que recibirá o Museo Provincial: Je ne baise plus. Este artista licenciouse en Xeografía e Historia, especialidade en Prehistoria e Arqueoloxía, pola Universidade de Santiago de Compostela en 1996. Actualmente, exerce de arqueólogo profesional por toda a Comunidade. Xunto a estes traballos de campo tamén ten publicado en varios medios os resultados dos seus estudos, e impartido varias conferencias ao respecto.
Samaín na Capela de Santa María
O organismo provincial organizará para o 31 de outubro, con motivo do Samaín, actividades totalmente gratuítas dirixas a máis de 40 nenos de todas as idades, que se celebrarán na Capela de Santa María.
Os participantes, acompañados de profesionais do Centro de Artesanía e Deseño, realizarán un Obradoiro de caretas e xogarán coas luces e as formas no Teatro de Sombras. O horario das actividades é de 17:00 a 19:30 horas.
A inscrición está aberta no 982 21 00 66.