Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación abre mañá o Mercado de Nadal con 11 artesáns e máis de 60 actividades gratis

- García Porto e Carmen Basadre, que presentaron esta iniciativa que promove a artesanía e dinamiza o comercio, destacaron que Deputación e Concello organizan preto de 200 actividades na cidade durante estas datas festivas
- 11 artesáns participarán no Mercado de Nadal da Deputación, poñendo á venda os seus produtos e facendo demostracións en vivo dos seus oficios tradicionais
- Celebraranse obradoiros para nenos, espectáculos de maxia e ata actuacións musicais das coras da provincia todos os días, dende o sábado e ata o 5 de xaneiro

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, acompañada da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre Vázquez, presentou este xoves o Mercado de Nadal que organiza a Deputación na Praza de San Marcos durante estas datas, así como o conxunto das máis de 60 actividades que se desenvolverán en dito espazo público da cidade luguesa.

O Mercado de Nadal da Deputación abrirá mañá e permanecerá ata o 5 de xaneiro. Pechará o 25 de decembro e 1 de xaneiro. Os postos estarán abertos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. O 24 e 31 de decembro o horario de tarde será de 16:00 a 18:30 horas).

Nel participan 11 artesáns, na súa maioría lucenses. Durante o seu transcurso, estes profesionais farán demostración en vivo dos seus oficios tradicionais. Ademais, celebraranse actividades totalmente gratuítas para nenos, actuacións de maxia e musicais a cargo das corais de toda a provincia. 

Preto de 200 actividades na cidade coa Deputación e o Concello
García Porto subliñou que “un ano máis, organizamos o Mercado de Nadal da Deputación co obxectivo de promover a artesanía como unha fonte de riqueza e emprego. Ademais, como novidade, organizamos máis de 60 actividades lúdico-culturais, totalmente gratuítas e para todas as idades, no centro da cidade co fin de pór en valor a nosa cultura e identidade e dinamizar o comercio”.

Carmen Basadre resaltou “a importancia deste tipo de iniciativas, que favorecen o desenvolvemento económico da cidade e da provincia e ademais impulsan o comercio local”. Ademais, a Concelleiro destacou que entre as dúas institucións, Concello e Deputación, organízanse preto de 200 actividades diferentes durante este Nadal para todos os públicos, entre as que se atopan o GastroNadal, obradoiros, maxia, cine, música, ou andainas polo Camiño Primitivo, entre outras.

Mercado de Nadal
Os participantes no Mercado de Nadal da Deputación son todos profesionais, que crean pezas propias. Os materiais que empregan son transformados dende unhas materias primas autóctonas: ferro, coiro ou cerámica, entre outras. Os 11 participantes son os seguintes:

- Alfonso Otero Regal (64, Nois): O nome do stand é Regal Cerámica Artesán. É de Nois pero leva traballando todo a súa vida en Viveiro. Amosa os produtos de cerámica elaborados en gres a alta temperatura e decorados a man por el mesmo.

- Ana Belén Barral Valiña (40, Guitiriz): Esta artesá que participa no Merca en Lugo polo Nadal, co seu posto Lucecús, crea complementos de moda con feltro e bonecos de lá realizados coa técnica de tecer xaponesa amigurumi. Todos os produtos son feitos a man e encárgase de todo o proceso, dende os deseños ata o empaquetado.  

- Mónica García Grandío (45 años, Lugo): Dedícase á artesanía dende fai cinco anos, ao quedarse sen traballo e dispoñer de máis tempo libre comezou a facer cousas para a súa nena Marina, que da nome ao seu posto Complementos Mis Marinillas, no que vai a expoñer diferentes complementos de moda e deseño.

- Roberto Lascano Lascano (41, Lugo): Artesanía o mestizo é o nome do posto co que participa este artesán no Merca en Lugo polo Nadal. Roberto ten unha tenda online http://omestizo.blogspot.com.es/ na que vende todos os produtos que produce con coiro como bolsos, mochilas ou carteiras entre outros, mesturando técnicas galegas e de distintos puntos do mundo como Sudamérica.

- María Rodríguez Arias (37, Lugo): Ofrece os seus traballos de xoiaría no taller M&N Joyas situado na capital lucense. Empezou a traballar no sector da artesanía hai 10 anos e unha das súas especialidades e o deseño e confección de colares en prata e pedras semipreciosas.  

- Ana Isabel Novo Barreiro (45, Lugo): Co seu posto Tres Caracoles, amosa todo o seu traballo co coiro como moedeiros, bolsos, fundas de móbil, entre outros complementos. Dedícase profesionalmente dende fai 5 anos e ten un taller/tenda na cidade de Lugo onde se exhiben todos os produtos feitos a man por expertos artesáns.

- Rosa María González Alonso (Pontevedra): Co seu posto Zimzelatum ofrece pezas e coleccións de xoiería e decoración, partindo da materia prima (prata, cobre, alpaca ou latón normalmente en chapa) e decorándoas con técnicas de cincelado, batido ou picado.

- Amalgama (Cooperativa de artesáns, Lugo): Adolfo Domínguez Casais e Carmen Fieiras Rifón son os dous artesáns que forman este posto. Adolfo leva máis de 20 anos dedicados a traballar con xoiería e Carmen outros 20 a cestería tradicional, ecolóxica e contemporánea. Posúen unha tenda na cidade, Amalgama, na que ofrecen talleres e espazos para achegar á xente a artesanía.

- Inmaculada Díaz Cabado (38, Lugo): Esta artesá participa co posto Barro en vivo, como o nome do taller que ten na cidade de Lugo. Esta ceramista amosará parte do seu traballo como cuncos, animais ou debuxos animados, entre outros, que deseña, crea e pinta ela mesma. 

- Ana María Alonso Pérez: Esta artesá participa co posto Cabuxa, na que ofrecerá todo tipo de marroquinería en coiro como bolsos, mochilas, moedeiros ou billeteiras. Todo o proceso de creación cóidao ao detalle, dende a selección das peles en curtidurías nacionais e italianas sustentables, ata o procesado, a estampaxe e o ensamblado manual de cada peza.

- María Isabel Carril Quiroga (31, Lugo): No ano 2011 decide emprender un novo camiño e centrarse no ganchillo e as manualidades, dedicarse exclusivamente á cerámica, coa apertura dunha nova tenda online www.lanalutum.com. No seu posto Lanalatum ofrecerá artesanía utilitaria como pratos, vasos ou cubertos, tamén produtos de decoración y de xoiería: colares, aneis, pendentes, etcétera.  

Demostracións dos artesáns
- Amalgama (Pratería): Farán a demostración o 19 de decembro de 12:00 a 14:00 horas.
- Artesanía O mestizo (Marroquinería): Farán a demostración o 20 de decembro de 12:00 a 14:00 horas.
- Barro en Vivo (Cerámica): Farán a demostración o 21 de decembro de 12:00 a 14:00 horas.
- Cabuxa: (Marroquinería): Farán a demostración o 18 de decembro de 12:00 a 14:00 horas.
- Lanalutum (Cerámica): Farán a demostración o 22 de decembro de 12:00 a 14:00 horas.
- Lucecús (Complementos de moda): Farán a demostración o 26 de decembro de 12:00 a 14:00 horas.
- Mis Marinillas (Complementos de moda): Farán a demostración o 27 de decembro de 12:00 a 14:00 horas.
- M&N Joyas (Xoiería): Farán a demostración o 28 de decembro de 12:00 a 14:00 horas.
- Regal Cerámica Artesán (Cerámica): Farán a demostración o 29 de decembro de 12:00 a 14:00 horas.
- Tres Caracoles (Marroquinería): Farán a demostración o 2 de xaneiro de 12:00 a 14:00 horas.
- Zimzelatum (Pratería): Farán a demostración o 3 de xaneiro de 12:00 a 14:00 horas.

Actividades infantís
- 17 de decembro de 16:00 a 21:00 horas. Calendario de advento
Neste obradoiro realizarase un calendario de advento, utilizando fundamentalmente materiais de refugallo e diferentes compoñentes decorativos. Con este fermoso detalle, os participantes levarán un recordo aos seus fogares de creación propia, co cal contar os días que restan ata a chegada do Nadal, podendo comer lambetadas ao longo deste tempo de espera.

- 18 de decembro de 16:00 a 21:00 horas. Crea e conta o teu conto de Nadal
Dun xeito creativo e orixinal e coa utilización de diferentes materiais funxibles, levarase a cabo un conta contos, no que as persoas participantes traballarán diferentes temáticas relativas á educación en valores e a igualdade, contos con protagonistas con nome propio, tales como A Apalpadora ou As 3 Raíñas Magas.

- 22 de decembro de 16:00 a 21:00 horas. Figuras de Belén con material de refugallo
Utilizando diferentes materiais, tanto funxibles como de refugallo, levarase a cabo a representación manual plástica das 3 figuras máis representativas dun Belén: Xosé, a Virxe e o Neno Xesús. Unha creación, na que os verdadeiros protagonistas, serán os propios participantes.

- 23 de decembro de 16:00 a 21:00 horas. Adornos de neve 1: Bolas con porexpan
A decoración da árbore de Nadal, é un dos acontecementos máis entrañables e familiares desta época. É por iso que engadimos nesta programación a realización dun obradoiro doado e fermoso, na que os participantes decorarán bolas de porexpan con motivos propios desta data.

- 29 de decembro de 16:00 a 21:00 horas. Xogamos cos sentidos
Actividade de integración e sensibilización sensorial dos máis cativos, na que xogarán utilizando e pescudando con diferentes sentidos. Para elo, deberán superar probas utilizando obxectos cos que agudizar a vista, o olfacto ou inclusive servirse do tacto para pescudar un obxecto determinado.

- 30 de decembro de 16:00 a 21:00 horas-. Adornos de neve 2: tarros de cristal
Utilizando tarros de cristal fundamentalmente e outros materiais específicos de manualidades, os participantes crearán unha fermosa estrutura decorativa con motivos de Nadal. Utilizaranse pequenos obxectos que se pegarán na tapa e decorarase o tarro ao gusto de cada quen.

- 2 de xaneiro de 16 a 21:00 horas. Pintacaras
Típico obradoiro, no que o monitor fará algunha creación artística na faciana dos participantes, a través da cal, levarán “tatuado” temporalmente un recordo tras o seu paso pola feira.

- 3 de xaneiro de 16:00 a 21:00 horas. Globoflexia
Un obradoiro no que o monitor realizará diferentes figuras básicas utilizando globos e no que tamén, a aqueles participantes “máis atrevidos”, se lles ensinarán os pasos a seguir para realizar algunha destas creacións.

- 4 de xaneiro de 16:00 a 21:00 horas. Obradoiro con serpentinas de cores
Para a realización destas actividades, levaranse a cabo diferentes creacións artísticas utilizando serpentinas de cores. Estas manualidades creativas, son moi sinxelas de levar a cabo e as creacións dos pequenos artistas, son tan variadas, como a súa propia imaxinación.

O Baúl do Mago
O mago Rafa xunto a máis compañeiros ofrecerán un teatro máxico pequeno, case efémero. Un espazo diminuto para un impacto xigante. Unha caravana vella e unha ilusión nova. Onde a maxia non só vese, vívese.

- 17 decembro de 12:00 a 13:00 horas e de 17:30 a 19:30 horas
- 18 decembro de 12:00 a 13:00 horas e de 17:30 a 19:30 horas
- Do 19 ao 23 de decembro de 17:30 a 19:30 horas
- 24 de decembro de 12:00 a 13:00 horas e de 17:30 a 19:30 horas
- Do 26 ao 30 decembro de 17:30 a 19:30 horas
- 31 decembro de 12:00 a 13:00 horas e de 17:30 a 18:30 horas
- Do 2 ao 4 xaneiro de 17:30 a 19:30 horas
- 5 de xaneiro de 12:00 a 13:00 horas

Corais
- O 19 de decembro ás 19:00 horas.- Cantar Delas actuará na Praza de San Marcos, na Rúa do Progreso e na Rúa da Raíña. Ás 20:00 horas o Coro da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago actuará na Rúa da Raíña, na Praza Maior e na Praza do Campo.

- O 20 de decembro ás 20:00 horas.- Conxunto Vocal LUGH actuará na Rúa da Raíña, na Praza Maior e na Praza do Campo.

- O 21 de decembro ás 19:00 horas.- Schola Gregoriana Lucensis actuará na Praza de San Marcos, na Rúa do Progreso e na Rúa da Raíña. Ao mesmo tempo na Parroquia de San Francisco Xavier actuará a Coral Polifónica Xolda. Ás 20:00 horas a Coral Ecos do Miño actuará na Rúa da Raíña, na Praza Maior e na Praza do Campo. Para rematar a xornada, ás 21:00 horas o Orfeón Xoán Montes actuará na Parroquia de San Froilán.

- O 22 de decembro ás 19:00 horas.- Coral Polifónica Xolda actuará na Praza de San Marcos, na Rúa do Progreso e na Rúa da Raíña. Ás 20:00 horas a Coral do Hospital Xeral Calde actuará pola Rúa Bispo Aguirre, Rúa da Raíña, Rúa do Progreso e Rúa de San Marcos. Á mesma hora na Parroquia do Sagrado Corazón actuará o Coro da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago.

- O 24 de decembro ás 12:00 horas.- actuará o Coro San Antonio na Praza de San Marcos, Praza de Santo Domingo e na Rúa da Raíña. Á mesma hora, na Praza de San Marcos actuará a Asociación Músico Vocal Xeada.

- O 26 de decembro ás 18:30 horas.- o Coro San Antonio actuará na Parroquia de Saamasas. Ás 19:30 horas, na Parroquia de San Pedro actuará Cantar Delas.

- O 27 de decembro ás 18:00 horas.- a Asociación Galega de Artes Escénicas Fingoi actuará na Praza de San Marcos, na Rúa do Progreso e na Rúa da Raíña. Ás 20:15 horas na Parroquia de San Antonio actuará o Conxunto Vocal LUGH.

- O 28 de decembro ás 20:00 horas.- o Orfeón Lucense actuará na Rúa da Raíña, Praza Maior e Praza do Campo.