Deputación de Lugo

A Deputación asesora aos primeiros 40 estudantes de FP para ser emprendedores

- López Izquierdo mantén un encontro cos 20 estudantes do I.E.S de Castro de Rei, que comezaron a formación do Campus de Emprendemento Sostible esta semana    - A Deputada destacou que “fomentamos o emprego impulsando a apertura ou reconversión de negocios, facéndoos máis competitivos e incrementando beneficios” - Aberto o prazo para participar no Campus de Maduración da Idea Empresarial,  aberto a público en xeral. Máis información en www.deputacionlugo.gal

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, mantivo este xoves un encontro con 20 alumnos do I.E.S. A Terra Chá José Trapero Pardo, en Castro de Rei, que están a recibir formación e asesoramento gratuíto para emprender, a través do IV Campus de Emprendemento Sostible. Estes estudantes súmanse aos outros 20 participantes do I.E.S San Rosendo, en Mondoñedo, que xa comezaron coa súa formación. A vindeira semana, arrancará a formación Centro Alta Montaña, en Becerreá

López Izquierdo subliñou que “a través deste plan, fomentamos o emprego ofrecendo a emprendedores formación, asesoramento individualizado e coñecemento sobre iniciativas empresarias consolidadas e con visitas ás mesmas co obxectivo de abrir novos negocios ou reconverter os existentes, facéndoos máis competitivos e, polo tanto, incrementando os seus beneficios”.

Compre subliñar que, por primeira vez, esta programación impartirase nos 3 centros públicos da provincia que ofrecen ensinanzas superiores sobre produción agropecuaria, xestión forestal e do medio natural. Trátanse do IES San Rosendo, en Mondoñedo; do IES A Terra Chá José Trapero Pardo, en Castro de Rei; e do Centro Alta Montaña, en Becerreá.

Visitas a empresas
Os participantes coñecerán os proxectos e experiencias de Aldea Artesán da Fraga, unha casa de turismo rural que naceu en Xermade; Obradoiro de Idoia Cuesta, recoñecida artesán de cestería e téxtil, que xa traballa a nivel internacional; Obradoiro Xaneco, dedicado á construción de instrumentos a músicos profesionais; Vida de Aldea, unha explotación gandeira, principalmente láctea, de Outeiro de Rei, que traballa nun proxecto de impulso ao medio rural e de implicación directa do consumidor cos produtos agrogandeiros para tentar eliminar intermediarios con motivo da baixa do prezo do leite; e Volta ao Sancho, o proxecto dun empresario de vernizados que, tras á crise, se reconverteu á agricultura ecolóxica.

Campus aberto ao público
O 4º curso estará aberto ao público en xeral, con prazas para 20 persoas, e terá lugar no Centro de Interpretación de Terras do Miño, durante a semana do 21 de novembro. Este curso en aberto do Campus chámase Maduración da Idea Empresarial, pois está dirixido a persoas que xa teñen máis avanzada a súa idea de negocio.

Así, ofrecerase asesoramento sobre a viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental ou económica-financeira dos proxectos, que se complementará con visitas a empresas consolidadas como Milhulloa, Granxa Maruxa, Parada das Bestas ou Arqueixal. Rematadas as clases teóricas e prácticas, haberá titorías individuais para un asesoramento máis personalizado co obxectivo de culminar as ideas empresariais.

O prazo de solicitude para o Campus de Maduración da Idea Empresarial está aberto. Máis información en www.deputacionlugo.gal.