Deputación de Lugo

A Deputación reforza o Dispositivo Invernal para despexar de neve estradas da Montaña luguesa

Imaxe deputación de lugo
Máis de 70 operarios e 60 máquinas están a traballar para restablecer a normalidade nas vías de 14 Concellos lucenses, onde hai acumulacións de neve
superiores aos 30 centímetros

O Deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández Queipo, informou este luns que a  Deputación viña de reforzar o Dispositivo Invernal para despexar de xeo e neve estradas da Montaña luguesa logo do temporal de neve.

Neste momento, hai preto de 70 operarios e 60 vehículos -entre os que se atopan tractores, todoterrenos e quitaneves, entre outros-, que están a despexar de neve e xeo as estradas provinciais de 14 Concellos da Montaña e a Zona Sur da provincia, onde, en zonas altas, hai acumulacións de neve de ata 30 centímetros.

Son, concretamente, os Concellos da Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, O Incio, Samos, Triacastela, Quiroga e Ribas de Sil.

Arestora, as vías que se atopan cortadas e nas que está a traballar o organismo provincial son:

  • LU-P-1405, de Campa da Braña ao Circo de Tres Obispos.
  • LU-P-1410, de San Martín de Ribeira por Couso, en Cervantes.
  • LU-P-1411, de Vilanova ao Portelo.
  • LU-P-1412, da estrada provincial de Quindos a Robledo, en Pena do Santo a Setecarballos.
  • LU-P-0702, da estrada de Becerreá a Navia, por San Roman de Cervantes.
  • LU-P-1305, de Campa por Vilar ao Alto do Boi, en Folgoso do Courel.
  • LU-P-3701, de As Nogais, por Pintinidoira, á LU-P-4504.
  • LU-P-4501, de Louzarela, por Queixadoiro, a Filloval.
  • LU-P-1301, de Seoane do Courel á estrada de Pedrafita, a Palas de Rei e Rampas a Piñeira e Vilela.
  • LU-P-5004, de Cruz de Outeiro, por A Seara e Ferramulin, ao límite provincial

Ademais, a Deputación está a traballar, por acumulacións de auga, en vías doutros 11 Concellos, principalmente, da zona centro. Son os municipios de Ourol, Muras, Xermade, Vilalba, Mondoñedo, A Pastoriza, Baleira, Friol, Guitiriz, Paradela e Sarria.