Deputación de Lugo

O Goberno concede 90.000 euros a Raiolas para transformar a gardería do Campus no 1º centro de día de autismo da provincia

- O executivo aprobou na Xunta de Goberno a renuncia de Raiolas a unha axuda de 70.000 euros para poder ampliala en 20.000 euros máis e facer as nova obras  necesarias na gardería
- O voceiro subliñou que “decidimos aumentar esta partida para asumir as novas obras que hai que facer, debido aos incendios intencionados que houbo nestas instalacións, que xa cedemos gratis a Raiolas”
- O Goberno Provincial leva aprobadas axudas de 1.8 millóns para melloras no rural e en impulso do sector primario. Está avaliando preto de 500 solicitudes para máis obras neste eido

O Executivo acordou este venres na Xunta de Goberno conceder unha axuda de 90.000 euros a Raiolas, asumindo deste xeito, o conxunto das obras necesarias que hai que levar a cabo na gardería do Campus para transformala no 1º centro de día de autismo na provincia. Este situarase en dito inmoble que o goberno da Deputación cedeu gratis a este colectivo,  e no que se poderán atender a máis de 20 persoas.

Para poder levar isto a cabo, tamén se aceptou a renuncia da Asociación Raiolas á subvención de 70.000 euros que, inicialmente, lle concedeu o Goberno da Deputación; para poder aumentalo en 20.000 euros, acadando así os 90.000 totais”.

Así o comunicou o voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, que subliñou que “decidimos ampliar esta axuda en 20.000 euros para colaborar nas obras, pois no tempo no que o Centro estivo á espera das licencias; producíronse incendios intencionados nestas instalacións, que xa foron denunciados”. O voceiro destacou tamén “colaboramos de xeito voluntario con estas novas obras, porque somos conscientes das necesidades económicas polas que está a atravesar a asociación e recoñecemos a labor social que desempeñan na provincia”.

Santos Ramos apuntou que tanto a Deputación como o Concello de Lugo axilizaron todo o proceso previo; o organismo provincial coa cesión do inmoble e o Concello cos trámites previos á concesión da licenza; pero foi a Xunta quen bloqueou este proxecto a través de requirimentos”.  

O voceiro subliñou “o compromiso deste goberno coa recuperación do uso público do Patrimonio Provincial en desuso; tal e como aconteceu con esta infraestrutura pública,  abandonada polo Partido Popular, e que o Goberno progresista da Deputación puxo en valor tal e como fixo co San José, que cedeu á ASPNAIS ou coa cesión de terreos pretos ao San Rafael e á Granxa Gayoso Castro, para construír a primeira unidade de patoloxía dual”.
1º centro de día da provincia
Santos Ramos destacou “o compromiso desta administración co tecido asociativo lucense, co que continuaremos a traballar para responder ás súas necesidades co fin de mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”. O voceiro explicou que “nin Lugo nin Pontevedra contan cunha infraestrutura destas características, o que obriga aos nosos veciños a desprazarse a outras provincias se queren recibir a atención que necesitan. Isto produce graves prexuízos aos veciños que sofren de autismo, así como as súas familias; pois as persoas con este trastorno son persoas con rutinas estables e que, calquera pequeno cambio, supón un problema”.

Plan de Impulso ao rural e ao sector primario
A Xunta de Goberno aprobou contas xustificativas do Plan de Impulso ao rural e ao sector primario, coas que o executivo da Deputación financia obras de mellora en accesos a núcleos poboacionais; viñedos, explotacións agrogandeiras e centro socioculturais.
Santos Ramos explicou que “no plan impulso contempla un total de axudas por valor de 2,2 millóns das que levamos aprobadas axudas de 1.8 millóns”. Estas divídense nas seguintes 7 liñas:

  • Arranxo de camiños e accesos por valor de 750.000 euros.
  • Melloras nos centros socioculturais e no seu contorno: por valor de 263.000 euros.
  • Dotación de equipamento dos centros socioculturais: por valor de 86.700 euros.
  • Posta en marcha de novas rede de abastecemento de auga no rural: por valor de 74.000 euros.
  • Mellora da rede de abastecemento xa existente por valor de 150.000 euros.
  • Recuperación de terras abandonadas por valor de 250.000 euros
  • Horticultura  por valor de 111.030 euros.
  • Viñedos por valor de 88.969 euros.
  • Pesca de Baixura por valor de 94.200 euros.

Santos Ramos tamén informou da evolución destas axudas no 2016, e destacou que se rexistraron 483 solicitudes por valor de case 5.110.000 euros. Neste ano, o Goberno da Deputación decidiu establecer 4 liñas subvencionables

  • Arranxo de camiños e accesos por valor de 2.529.000 euros
  • Melloras nos centros socioculturais e no seu contorno por valor de 1.221.000 euros.
  • Posta en marcha de novas rede de abastecemento de auga no rural  por valor de 858.500 euros.
  • Mellora da rede de abastecemento xa existente por valor de 501.300 euros.

Impulso das San Lucas de Mondoñedo
A Xunta de Goberno aprobou  o convenio coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo para colaborar nos gastos de celebración das San Lucas 860 Aniversario. A Deputación achega un total de 25.000 euros, o que a converte na principal patrocinadora desta centenaria feira.

Santos Ramos quixo pór en valor a grande labor dos membros desta asociación, “pois son os que manteñen vivo e fan perdurar no tempo esta feira, que ten rexistrado o seu nacemento no no ano 1156. Dende a Deputación de Lugo estamos convencidos da necesidade de continuar colaborando neste tipo de iniciativas coas que promovemos, impulsamos e contribuímos a loitar para que as nosas tradicións pervivan e sigan formando parte da nosa esencia”.