Deputación de Lugo

O Goberno levou este ano aos Concellos máis de 10 millóns con criterios obxectivos e fará o mesmo no 2017 cun mínimo de 12 millóns

- O Presidente explicou que “levamos este investimento mediante 8 programacións, que non levaron o nome de Plan Único, aínda ser exactamente o mesmo, pois distribuímos os 10 millóns con criterios obxectivos: taxa de paro, envellecemento, poboación, superficie, núcleos poboacionais ou esforzo fiscal de cada un dos municipio lucenses” - Campos Conde xa adiantou a semana pasada no Parlamento de Galicia que o Executivo Provincial fará o mesmo no 2017 cun mínimo de 12 millóns de euros, á espera de pechar o actual exercicio orzamentario e coñecer con exactitude os fondos para os vindeiro ano - As 8 programacións de 10 millóns, que o Goberno da Deputación distribuíu con criterios obxectivos no 2016 e levou aos Concellos, son as seguintes: DEPUEMPREGO, Servizo a Domicilio, plans de Aforro Enerxético e de Tic´s, axudas para actividades culturais, deportivas, obras ou equipamentos en instalacións de índole cultural - Tendo en conta a xestión e actuacións do Executivo da Deputación no 2016 e a súa previsión para o vindeiro ano, así como a postura tamén xa adiantada polos Deputados do BNG, o Pleno aprobou por unanimidade a proposta dun Plan Único no 2017

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, apuntou este martes, durante a celebración do Pleno Provincial, que o Goberno da Deputación levou este ano 8 programacións, que responden aos seus obxectivos de fomentar o emprego, os servizos sociais e as infraestruturas no rural para garantir a igualdade de oportunidades na provincia, aos Concellos, por un valor superior os 10 millóns de euros, que o Executivo Provincial decidiu distribuír en base a criterios totalmente obxectivos. García Bermúdez remarcou que, tal e como avanzou o Presidente, Darío Campos Conde, a semana pasada no Parlamento de Galicia, o Goberno da Deputación fará o mesmo no 2017 cun mínimo de 12 millóns de euros, pois está á espera de pechar o actual exercicio orzamentario para coñecer con exactitude os fondos para o vindeiro ano.

Neste senso, e a preguntas dos xornalistas, Campos Conde apuntou que “estas 8 programacións de máis de 10 millóns de euros, que levamos aos Concellos, non foron baixo o nome de Plan Único, aínda ser exactamente o mesmo, pois por iniciativa propia xa decidimos distribuír estes fondos provinciais sendo xustos, en base a criterios totalmente obxectivos: taxa de paro, índice de envellecemento, poboación, superficie, núcleos poboacionais ou esforzo fiscal de cada un dos municipio lucenses”.

Tendo en conta a xestión levada a cabo polo Goberno da Deputación durante o 2016, así como a previsión avanzada polo Presidente no Parlamento para o vindeiro ano; así como a postura tamén xa manifestada nos pasados días polos Deputados do BNG, hoxe o Pleno aprobou por unanimidade a proposta do PP dun Plan Único para 2017.

Máis de 10 millóns de euros no 2016, distribuídos con criterios obxectivos
Durante este 2016, o Goberno da Deputación levou aos Concellos as seguintes 8 programacións de máis de 10 millóns de euros, distribuídos con criterios obxectivos:

1.- DEPUEMPREGO: de 3 millóns de euros, distribuídos en base á taxa de paro, superficie, poboación e aos núcleos poboacionais, supoñendo axudas nos Concellos de entre 27.000 e 67.000 euros. Con este orzamento, o Goberno da Deputación financia os custos laborais da contratación dun total de 263 novos traballadores, cos que reforzar a prestación de servizos públicos que os Concellos teñen que ofrecer aos veciños.

2.- Servizo a Domicilio: de 1,5 millóns de euros, distribuídos en base ao índice de envellecemento, poboación, superficie e ás unidades de poboación de cada Concello. Supuxo axudas de entre 6.000 e 15.000 euros para que os municipios incrementen o numero de usuarios ou melloren o servizo aos 1.800 actuais.

3.- Plan de Obras e Servizos: contou cunha achega de 3,7 millóns de euros para obras municipais nos Concellos porque o Goberno da Deputación decidiu triplicar esta axuda con respecto ao ano pasado. Este orzamento distribuíuse en base á poboación, superficie, entidades de poboación e ao esforzo fiscal de cada Concello. Supuxo axudas de entre 40.500, no caso de Negueira de Muñiz, e de ata 130.000 euros, no de Lugo. Con este orzamento, os municipios fixeron melloras en servizos públicos municipais.

4.- Plan de Aforro Enerxético: de 1,5 millóns de euros, que se distribuíron en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais e esforzo fiscal de cada Concello. Supuxo axudas de entre 16.000 e 46.000 euros nos municipios. Con este orzamento, o Goberno da Deputación financia 61 melloras en alumeados públicos, 30 instalacións de caldeiras da biomasa e 9 illamentos térmicos en instalacións públicas municipais dos Concellos.

5.- Plan de Tic´s: de 300.000 euros, que se distribuíron atendendo á superficie, poboación, esforzo fiscal e ás unidades de poboación de cada municipio. Con estes fondos, o Goberno da Deputación financia as melloras que os Concellos teñen a obriga de levar a cabo nas súas ferramentas tecnolóxicas debido á entrada en vigor da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e a do Réxime Xurídico do Sector Público.

6.- Axudas para actividades culturais: foron 80.000 euros, que se distribuíron nos Concellos en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais, esforzo fiscal e aos equipamentos culturais de cada municipio.

7.- Axudas para actividades deportivas: foron 80.000 euros, que se distribuíron nos Concellos en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais, esforzo fiscal, instalacións deportivas e ao número de clubs deportivos de cada municipio.

8.- Axudas para obras ou equipamento nas instalacións culturais: foron 80.000 euros, distribuídos nos Concellos en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais, esforzo fiscal e ás instalacións culturais de cada municipio.