Deputación de Lugo

Hoxe abre o prazo de solicitude ata o 12 de setembro para participar no ArteSanFroilán 2016

Imaxe deputación de lugo
- Na www.deputacionlugo.gal hai un banner con toda a información e documentación necesaria para os artesáns. O prazo é ata o 12 de setembro inclusive
- Prímanse aos profesionais que innoven e utilicen materias primas autóctonas. Tamén as pezas de calidade, coherencia e valor simbólico
- Teñen preferencia os artesáns da provincia de Lugo e valorase positivamente que os seus obradoiros estean abertos para visitas guiadas, actividades divulgativas e de formación
- A mostra desenvolverase na praza Anxo Fernández Gómez do 4 ao 12 de outubro. Os horarios serán de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas

A Deputación abre hoxe o prazo para todos os artesáns que queiran participar na mostra de artesanía ArteSanFroilán 2016 que organiza o CENTRAD. Hai un banner na www.deputacionlugo.gal con toda a información e documentación necesaria. O prazo de solicitude será ata o 12 de setembro, inclusive.

A participación nesta mostra está reservada a profesionais cuxa produción sexa exclusivamente de creación e produción propia, e cuxo material responda ao proceso de transformación e elaboración dunha determinada materia prima; entendéndose este proceso como un cambio substancial na referida materia.

Os artesáns poden participar individual ou conxuntamente. Teñen preferencia os da provincia de Lugo e valorase positivamente que os seus obradoiros estean abertos para visitas guiadas, actividades divulgativas e de formación, non sendo este un requisito excluínte.

Unha vez comunicada a selección dos candidatos, abrirase un prazo de 3 días hábiles para o ingreso da tarifa para a exposición e venda de artesanía (360 euros), así como a presentación da copia da póliza de responsabilidade civil para o desenvolvemento da actividade. Ademais haberá que presentar o xustificante do pagamento.

A mostra que contará con 25 casetas desenvolverase na praza Anxo Fernández Gómez de Lugo, do 4 ao 12 de outubro. Os horarios serán de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.

Criterios das bases
Esta ano puntuarase favorablemente a calidade e coherencia no uso de técnicas, tecnoloxías, materiais, cores e tódolos compoñentes do proceso de elaboración das pezas. Ademais valorarase a utilización de materias primas autóctonas; as pezas que permitan unha fácil interpretación e ligazón co territorio; e a innovación tanto nos procesos e materiais empregados como no uso das tecnoloxías de información.