Deputación de Lugo

Blindados os dereitos de 655 traballadores coas cláusulas sociais da Deputación, que copia o Ayuntamiento de Madrid

- O Deputado de Promoción Económica e Social e o Vicepresidente inauguraron a Xornada sobre as Directrices de Contratación Pública a cargo de Elena Hernáez Salguero - É a Presidenta do primeiro tribunal en España que recoñeceu a incorporación de cláusulas sociais nos contratos públicos, ao igual que a Deputación de Lugo, que foi o primeiro organismo provincial e a primeira institución en Galicia, en incorporalas - Dende 2014, cando o organismo provincial incorporou as cláusulas sociais nos seus contratos e programas de subvencións, fixéronse avances pioneiros nas medidas de control das mesmas e no establecemento de penalizacións no caso de incumprimentos - A Deputación implicou aos sindicatos no seu modelo de contratación. A Xunta de Goberno de hoxe adxudicou a vixilancia no Pazo de Tor logo de que os sindicatos propuxen empresas que cumpren cos dereitos laborais para participar neste proceso

O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, e o Vicepresidente, Antonio Veiga Outeiro, inauguraron este venres a Xornada sobre as Directrices de Contratación Pública, que se enmarca dentro das actividades gratuítas de formación para traballadores das entidades locais, que se organizan dende Cooperación e Asistencia aos Concellos. A xornada foi impartida por Elena Hernáez Salguero, Presidenta do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade de Madrid, que foi o primeiro tribunal en recoñecer a incorporación de cláusulas sociais na contratación pública, ao igual que a Deputación de Lugo, que foi o primeiro organismo provincial en España, así como a primeira institución pública en Galicia, en incorporalas nos seus contratos e programas de subvencións tras converter unha recomendación dunha directriz da Unión Europea nunha obriga contractual na administración lucense.   

Santos Ramos adiantou que hoxe son 655 os empregados que teñen blindados os seus dereitos coas claúsulas nos contratatos e programas da Deputación de Lugo, pois fíxose nos contratos de limpeza, defendendo os dereitos de 40 traballadores; no de seguridade, beneficiando a outros 20; no de conservación das estradas, con 80 empregados; así como no Ben Empregado, a través do que se contratou a 500 lucenses; ou no Deporte Saudable, que prestan outras 15 persoas. “De feito, outras administracións do país, como o Ayuntamiento de Madrid, está a copiar o modelo de contratación pública que a Deputación de Lugo leva aplicando dende hai 2 anos; ademais de estar traballando na elaboración duns futuros Presupostos Participativos, que a Deputación de Lugo tivo no 2015, sendo totalmente pioneira en España. Tamén a Xunta de Galicia, despois de terlle sido solicitado en varias ocasións, incluso por esta Deputación, tamén comeza a traballar na incorporación de cláusulas sociais”, subliñou.

Hernáez Salguero recoñeceu o “traballo pioneiro da Deputación” e felicitou ao organismo provincial, pois “este é o camiño que deben seguir todas as administración do país”.

Os inicios das cláusulas sociais no 2014
O Deputado de Promoción Economía e Social lembrou que, “como testemuñas das consecuencias da Reforma Laboral do actual Goberno Central en funcións, que serviu para vulnerar os dereitos dos traballadores, ao favorecer despidos en precario ou baixadas de soldo; no 2014, dende o Goberno da Deputación plantexámonos facer fronte a esta inxustiza, apostando pola contratación pública como unha política pública máis. É dicir, como unha ferramenta coa que acadar os obxectivos deste goberno progresista: priorizar sempre os problemas das persoas e loitar por un sistema económico xusto e igualitario. Pero non poderíamos desenvolver este plantexamento ideolóxico na Deputación de Lugo sen a profesionalidade dos traballadores públicos desta institución, que foron capaces de converter recomendacións de directrices da Unión Europea sobre contratación pública en obrigas nos contratos desta administración”.

“Comezamos, polo tanto, a incorporar cláusulas sociais en defensa dos traballadores nos contratos desta administración, convertendo a de Lugo na primeira Deputación de España que o facía, así como na primeira institución pública de Galicia. Con isto conseguimos que se valorase á hora de adxudicar o contrato o número de traballadores con contrato indefinido, así como as melloras nas súas condicións laborais e salarais con respecto ao Estatuto dos Traballadores ou ao convenio estatal do sector, entre outras cuestións. É dicir, a contratación pública serviu para que a Deputación de Lugo crease emprego de calidade, apoiando ás empresas que o fan; e blindase aos traballadores das entidades que prestan servizo ou teñen relación con esta institución, pois tamén esiximos, por escrito e como condicionante, que se garantan o número de empregados e os seus dereitos durante toda a relación contractual con esta administración.  Precisamente, no que a Deputación de Lugo foi totalmente punteira entre as administracións públicas do país foi nas medidas de control do cumprimento das claúsulas sociais, e na implantación de penalizacións no caso de incumprimentos”.

Avances nas cláusulas
“Dende que iniciamos esta camiño, aínda novidoso entre a maioría de institucións públicas, fomos incorporando melloras, seguindo o modelo do Ayuntamiento de Avilés, que é un exemplo no eido da contratación, recoñecido con varios galardóns; ao tempo que tamén fomos reforzando as medidas de control. Hoxe hai traballadores do departamento de contratación da Deputación de Lugo que se encargan, especificamente, de controlar os ingresos aos traballadores das empresas que teñen relación con esta administración, así como o cumprimento das súas melloras laborais, coas que se comprometeron as propias entidades nos procesos de contratación desta institución. Persoal da Deputación fai un intenso labor de supervisión de toda a documentación oficial das contratistas para acreditar o cumprimento das claúsulas sociais en defensa dos traballadores e do emprego de calidade. Todo isto fixo posible que hoxe sexan 655 os empregados que teñen blindados os seus dereitos coas claúsulas nos contratatos e programas da Deputación de Lugo.  Fixémolo nos contratos de limpeza, defendendo os dereitos de 40 traballadores; no de seguridade, beneficiando a outros 20; no de conservación das estradas, con 80 empregados; así como no Ben Empregado, a través do que se contratou a 500 lucenses; ou no Deporte Saudable, que prestan outras 15 persoas”. 
Consenso cos sindicatos
Santos Ramos adiantou que, ademais do reforzo das medidas de control das cláusulas sociais e de incorporalas non só nos contratos de servizos senón tamén en todos os programas de subvencións da institución provincial, a Deputación de Lugo tamén quixo contar coa implicación dos sindicatos. Precisamente, hoxe mesmo, a Xunta de Goberno adxudicou o servizo de vixilancia do Pazo de Tor logo de pedir aos sindicatos que propuxen varias empresas que cumpran cos dereitos dos traballadores para participar no proceso negociado desta adxudicación. A Deputación traballa agora nun prego con cláusulas sociais para contratar a vixilancia de todas as instalacións da Rede Museística, o que suporá máis empregos de calidade blindados.