Deputación de Lugo

A Deputación define co sector da construción da provincia accións formativas do LUGOWORK

O organismo provincial celebrará encontros con profesionais de todos os sectores durante o mes de maio co fin de presentar a programación de cursos en xuño

O Deputado de Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, mantivo un encontro con representantes da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC) e coa Fundación Laboral da Construción, unha nova mesa sectorial do LUGOWORK, para definir conxuntamente e en base ás necesidades deste sector accións formativas do que é o plan de emprego xuvenil participativo da Deputación. Rivera Capón lembrou que este Plan está dotado de 2 millóns de euros, que o organismo provincial foi capaz de captar da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial.

Pablo Rivera sinalou trala xuntanza que o perfil que buscan os representantes da construción defínense en dúas modalidades, por un lado obra civil e por outro rehabilitación e edificación. No tocante a obra civil, o sector demanda máis preparación técnica e formación, e no que se refire á rehabilitación e edificación, precisan traballadores cun perfil polivalente no que mesturen técnicas clásicas. Outra das preocupacións que o sector lle trasladou á Deputación é que neste campo apenas houbo renovación no sector, polo que poden darse casos de que non haxa persoal cualificado para absorber esta demanda.

LUGOWORK
LUGOWORK ofrecerá formación gratuíta a un mínimo de 300 desempregados lucenses de entre 18 a 30 anos para a súa inserción laboral en empresas da provincia, que recibirán axudas de ata 4.200 euros para os custos salariais e da seguridade social dos novos traballadores; ou por conta allea, opción que fomenta o emprendemento e na que os mozos contarán con ata 3.000 euros para abrir os seus propios negocios.

Durante o mes de maio, a Deputación celebrará mesas sectoriais e manterá encontros con profesionais de todos os sectores para avaliar os nichos de emprego na provincia e deseñar as accións formativas. Pablo Rivera emprazou ao tecido asociativo e a todos os empresarios que queiran participar “xa que poden facelo a través de Internet, pois na web provincial, www.deputacionlugo.gal, hai publicado un formulario para trasladar á institución as súas necesidades ou facer chegar as súas propostas formativas. De feito, 50 empresas xa o fixeron”. En xuño, Deputación e EOI presentarán a programación das accións formativas do LUGOWORK

Próximas mesas sectoriais
Tras o encontro de hoxe cos hostaleiros, as seguintes mesas sectoriais serán; Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE); Confederación de Empresarios Lucenses (CEL); Asociación de Fabricantes de Pan; Asociación de Transformación de Madeira; Asociación de Ebanistería; Federación de Comercio de Lugo; Asociación de Confiterías ou Asociación de Transportes de Mercadorías, entre outros moitas.