Deputación de Lugo

O XV Encontro Universitario de Danza Contemporánea, incluído dentro do Lugo Cultural, presenta producións de catro compañías xerminadas na USC

A caixa negra do MIHL acollerá os días 19 e 20 de abril as distintas funcións programadas no marco dun foro artístico pioneiro en Galicia e dos máis lonxevos de España

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, a Concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, e Vicerreitora de Servizos Universitarios Do Campus de Lugo, Carmen Silva, presentaron este martes a XV Edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, incluído dentro do Lugo Cultural, unha iniciativa posta en marcha polo organismo provincial, Concello de Lugo e USC.

O Encontro é un foro artístico, pioneiro en Galicia e tamén dos máis lonxevos do panorama universitario español, que congregará os días 19 e 20 de abril na caixa negra do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) cinco compañías de danza, nacidas ao abeiro do Espazo de Danza da USC, que presentarán distintas producións propias. Esta nova edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC está enfocada a darlle visibilidade ao traballo propio, unha produción cada vez maior e de probada calidade. A entrada e libre é gratuíta para todas as representacións ata completar aforo.

Quince anos despois da primeira edición dos encontros universitarios de danza contemporánea na USC, esta modalidade de expresión artística ten acadado unha dimensión transversal entre os membros da comunidade universitaria da institución académica compostelá.

A creación e permanencia ao longo dos anos de dúas compañías propias nos campus de Lugo e de Santiago, así como a evolución de unha formación nada ao abrigo da USC que agora comezan a súa andaina de xeito independente ou a máis recente posta en marcha dunha compañía de danza integrada por persoas maiores de 60 anos inscritas en estudos de IV Ciclo Universitario dan mostra das fondas raíces trenzadas pola danza na USC.
 
Programa
A compañía Sen Vergoña de IV Ciclo da USC coa nova produción Comeza por 1,2,3... abrirá o mércores 19 de abril, a partir das 20.30 horas, na caixa negra do MIHL, de seguido a compañía danza USCompostela presentará a coreografía ENVÉS e pra rematar a xornada a nova coreografía PULSOS a cargo da compañía danzaUSC-Lugo completan o programa da primeira xornada do XV Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC.

Ao día seguinte 20 de abril a nova compañía independente SON’S,  baixo a composición e interpretación musical de Xavi Louriña presentarán a coreografía PUZZLE, o programa seguirá coa compañía Sen Vergoña de IV Ciclo da USC no programa de representacións do XV Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC con a coreografía Comeza por 1,2,3...Logo da intervención desta formación artística, e de novo a compañía danzaUSCLugo fará tamén  un novo pase da súa respectiva produción.