Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación aproba un Ben Empregado 3 mellorado e cun marcado carácter social

- O Presidente presentou a 3ª edición do programa de emprego xunto ao Vicepresidente e seis participantes das anteriores edicións, de entre 27 e 58 anos, que contaron as súas experiencias. Tres foron contratados e tres seguen a traballar co Ben Empregado
- Sufragará ás empresas o 50% dos custos pola contratación de desempregados e o 100% se son persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. Tamén asumirá o total dos custos se as que contratan son entidades sen ánimo de lucro
- Ofrecerá un Servizo de Intermediación Laboral para integrar aos traballadores e financiamento para equipamento especializado que necesiten os traballadores
- Poderán participar todas as empresas e entidades sociais da provincia agás as que xa se beneficiasen do Ben Empregado e non contratasen aos traballadores tras deixar de recibir a subvención da Deputación
- Está dotado de 2,3 millóns de euros. O máximo da subvención é de 22.000 euros. Inclúe máis cláusulas sociais, que por primeira vez xa se inclúen nos criterios de selección das empresas e entidades e logo, coma sempre, nos contratos laborais
- Primaranse os proxectos para contratacións indefinidas, os que inclúan medidas de conciliación, cursos de formación, así como os das mulleres, mozos e maiores de 45 anos

O Executivo da Deputación de Lugo aprobou este venres na Xunta de Goberno a 3ª edición do programa de emprego Ben Empregado, “mellorada, tras as experiencias das anteriores dúas convocatorias; cun marcado carácter social, e co que buscamos, ademais de seguir xerando empregos de calidade na provincia e blindar os dereitos laborais dos traballadores, dignificalos coa incorporación de máis cláusulas sociais”.

Así o explicou o Presidente, Darío Campos Conde, durante o acto de presentación do Ben Empregado 3, no que estivo acompañado do Vicepresidente e Deputado de Emprego, Álvaro Santos Ramos, e de seis dos participantes das dúas anteriores edicións desta programación de emprego da Deputación, que contaron as súas experiencias.

Mellorado e máis social
O Ben Empregado 3 está dotado de 2,3 millóns de euros da Deputación para sufragar a empresas e entidades sen ánimo de lucro da provincia os gastos laborais e salariais pola contratación de parados lucenses durante un ano. Contempla 2 liñas de actuación:

- Unha dirixida a empresas lucenses, ás que a Deputación ofrece subvencionar o 50% da contratación de desempregados lucenses e o 100% no caso de que os parados sexan persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. Por exemplo, cidadáns con problemas sensoriais, físicos ou psíquicos; mulleres vítimas de violencia de xénero, ex-reclusos ou veciños de etnia xitana, entre outros.

“Nas pasadas edicións do Ben Empregado, subvencionamos, en todos os casos, o 100% da contratación dos desempregados. Nesta terceira convocatoria, buscamos unha maior implicación das empresas. Máis responsabilidade compartida con esta institución para, conxuntamente, fomentar a empregabilidade e a inserción laboral de persoas que teñen máis dificultades para atopar traballo; ao tempo que impulsamos os seus negocios. Queremos que as empresas, que finalmente resulten beneficiadas, o sexan porque, verdadeiramente, necesitan traballadores”, apuntou Campos Conde.

- A segunda liña de actuación está dirixida a entidades e colectivos sen ánimo de lucro. Neste caso, a Deputación subvencionará ao 100% a contratación de desempregados lucenses. “Entendemos que, deste xeito, contribuímos á importante laboral social que levan a cabo estas asociacións na provincia”, indicou.

300 perfís
Ao respecto da contratación de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral, o Presidente lembrou que se mantiveron encontros con colectivos da provincia e se abriu un prazo para que facilitasen ao organismo provincial os seus perfís laborais. “Contamos con máis de 300 perfís, dos que daremos conta ás empresas e entidades para tentar facilitar a contratación destes profesionais”, adiantou.

Servizo de Intermediación Laboral e financiación de equipamento
O Ben Empregado 3 ten dúas importantes novidades. A posta en marcha, dende a Deputación, dun Servizo de Intermediación Laboral para axudar aos traballadores a integrarse nas empresas e entidades nas que sexan contratados. A outra é que o organismo provincial sufragará o equipamento que sexa necesario para que as persoas con capacidades diferentes leven a cabo o seu traballo. Por exemplo, unha máquina con determinadas características ou unha rampla de acceso as súas instalacións laborais. 

Máis novidades
As subvencións a empresas e entidades serán por réxime de concorrencia competitiva. Poderán concorrer ás mesmas todas as empresas e entidades sociais da provincia, agás aquelas que se beneficiasen do Ben Empregado 1 e 2 e non contrataran finalmente aos traballadores que lles subvencionou a Deputación durante un ano.

Anteriormente, o organismo provincial subvencionaba un máximo de traballadores por empresa ou entidade. Nesta terceira convocatoria, non se limita o número de traballadores. O que se fai é establecer un máximo de 22.000 euros de subvención por empresa ou entidade, coa que sufragar os custos laborais e salariais dos traballadores. “As empresas e entidades poderán contratar o número de traballadores que necesiten, respectando, sempre, os seus dereitos laborais. Este é outro exemplo máis da maior implicación e responsabilidade que lles pedimos”.

Máis cláusulas sociais e tamén nos criterios de valoración
“Para crear empregos de calidade, blindar e dignificar os dereitos dos traballadores, incorporamos máis cláusulas sociais e xa as incluímos nos criterios de valoración das empresas e entidades que opten ao Ben Empregado. Por exemplo, ademais das melloras con respecto aos convenios co sector que xa tiñamos en conta; valoraremos, positivamente, as propostas que impliquen contratacións indefinidas de traballadores; que inclúan medidas de conciliación, cursos de formación ou melloras no sistema produtivo. As cláusulas sociais incorporaranse, posteriormente e como nas anteriores convocatorias, nos contratados laborais dos traballadores”, explicou o Presidente.

Mozos, mulleres e maiores de 45 anos
“Para potenciar o emprendemento, a igualdade laboral entre homes e mulleres e o emprego entre persoas de maior idade”, no proceso de selección das empresas e entidades terán prioridade os proxectos das de nova creación, as de cuxos promotores sexan mulleres, mozos de entre 16 e 35 anos ou maiores de 45.

Obrigas e máis control
As empresas e entidades beneficiadas terán a obrigación de cumprir coas cláusulas sociais. De non facelo, perderán a subvención. A Deputación establece máis medidas de control. Por exemplo, os 10 primeiros días de cada mes terán que notificar ao organismo provincial, con documentación oficial, o ingreso das nóminas aos traballadores.

Prazos
Hoxe o Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno as bases que rexerán o proceso de selección das empresas e entidades sen ánimo de lucro. Estas agora terán que ser publicadas na Base Nacional de Subvencións e logo no Boletín Oficial da Provincia. A previsión é abrir o prazo de presentación de solicitude en outubro.  Unha vez resolto este proceso, antes de finais de ano, publicaranse os perfís que demanda o tecido produtivo da provincia e abrirase outro novo prazo para a selección dos desempregados lucenses.

Experiencias dos Ben Empregados
As dúas anteriores edicións do Ben Empregado supuxeron a contratación de 546 lucenses que estaban no paro en 495 empresas e entidades sen ánimo de lucro da provincia. A Deputación segue a día de hoxe a subvencionar con fondos propios a contratación de 340 traballadores. “Polo tanto, non temos os datos finais de empregabilidade, pero si os provisionais: o 30% dos lucenses que remataron a súa andaina co Ben Empregado foron contratados polas empresas e entidades sen ánimo cos seus medios tras deixar de recibir a subvención da Deputación”, avanzou Campos.

Seis dos seus participantes compartiron hoxe as súas experiencias. Nicandro Xosé Rodríguez, de 27 anos, segue traballando como monitor deportivo tras rematar o Ben Empregado. Tamén foron contratadas, e neste caso de xeito indefinido, Verónica Castro e Sandra Gómez, de 30 e 27 anos, que seguen exercendo como logopeda e fisioterapeuta en Cogami.  Continúan traballando a través do Ben Empregado, é dicir, as empresas e entidades seguen a recibir a subvención da Deputación, Noelia Aira, de 35 anos, como guía na Casa Museo de Uxío Novoneyra; José María Otero, de 52 anos, un topógrafo que agora traballar nunha funeraria tras recibir formación sobre este sector; e Benjamín López, de 58 anos, como oficial nunha empresa de impresión.