Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación achega 640.800 euros ao inicio da Granxa Experimental do Campus Terra

- Campos Conde e Bueno Lema mantiveron un encontro na Granxa Gayoso Castro onde se localizarán estas novas instalacións e cuxas obras se iniciarán este mesmo ano - Será un centro pioneiro na provincia, no que se desenvolverán actividades docentes e proxectos de investigación sobre a produción leiteira para reducir custos, automatizar e incorporar as novas tecnoloxías en beneficio dos profesionais do sector lácteo - Estará en funcionamento no 2018, pois é cando a Comisión da European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) visitará Lugo para renovar a acreditación internacional coa que conta a Facultade de Veterinaria

O Presidente, Darío Campos, e o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, acompañados polo Deputado de Medio Rural e do Mar, Lino Rodríguez, mantiveron un encontro na Granxa Gayoso Castro para avanzar na posta en marcha do proxecto de construción da granxa experimental, que Campos Conde se comprometeu a desenvolver nestas instalacións provinciais, tal e como adiantou en decembro no Parlamento galego durante a presentación das liñas estratéxicas do Orzamento de 2017.

Trátase dunha iniciativa totalmente pioneira na provincia, pois implica a dotación dunhas instalacións públicas ao servizo do Campus Terra, especialmente da Escola Politécnica Superior e da Facultade de Veterinaria, para o desenvolvemento de actividades docentes e proxectos de investigación no sistema de produción leiteira, que revertan na mellora da competitividade das explotacións lácteas.

A Granxa Experimental do Campus Terra, que así se chamarán estas instalacións, terá como obxectivo avanzar na redución dos custos de produción do leite, así como na automatización e na incorporación das novas tecnoloxías a este proceso, combatendo, deste xeito, uns dos principais problemas que sofre o sector lácteo: os baixos prezos do leite, así como a falta de man de obra e calidade de vida dos seus profesionais.

Por exemplo, a USC prevé situar un robot de ordeño cuxo funcionamento se podería combinar, entre outras posibilidades, con técnicas de pastoreo nos propios terreos da Granxa Gayoso Castro, integrando, deste xeito, novas tendencias na produción leiteira que se aplican noutros países europeos, minimizando os custos de produción.  

Localización
Campos Conde e Bueno Lema acordaron situar esta nova infraestrutura nunha finca de 15.500 metros cadrados da Granxa Gayoso Castro, que actualmente está sen uso e a

carón de máis terreos para as cabezas de gando. O Presidente e o Vicerreitor decidiron facer unha nova instalación tras os informes técnicos, que sinalan que o aproveitamento da unidade de leite (que era a primeira posibilidade que se estudou) suporía un maior investimento. Hai que ter en conta que as instalacións de dita infraestrutura data dos anos 50 e 60 polo que sería moi custoso e complicado adecualas ás necesidades que require a granxa experimental.

Características
O Campus xa redactou o prego de prescrición técnicas, que recollen as características desta nova instalación pública. Por exemplo, terá capacidade para 70 vacas produtoras de vacún de leite, contará cun robot de muxido, cun centro de recepción de visitas onde se incluirá unha aula de actividades docentes, de formación e de divulgación, así como un laboratorio para actividades investigadoras. Tamén se construirá unha nave que acolla a alimentación do gando, contemplado a posibilidade de instalar un sistema automático de alimentación. Nunha segunda fase, levarase a cabo a construción tanto de silos con capacidades para almacenar as necesidades da explotación, como dun espazo totalmente pechado, no que se gardará a maquinaria, manténdoa en boas condicións de uso.  

640.800 euros do orzamento de 2017
Feito o prego de preincricións técnicas, a USC iniciará de xeito inmediato o proceso de contratación da redacción do proxecto. Logo, o Goberno da Deputación encargarase do proceso de adxudicación das obras, que financiará na súa totalidade. O Presidente xa ten prevista unha partida de 640.800 euros do Orzamento Provincial de 2017 para iniciar a primeira fase destes traballos este ano.

Renovación da acreditación internacional de Veterinaria no 2018
A Granxa Experimental do Campus Terra estará en funcionamento no 2018 con 50 vacas en muxido, pois é cando terá lugar a visita a Lugo da Comisión da European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) para renovar a acreditación internacional coa que actualmente conta a Facultade de Veterinaria.

Nave de recría de Rubia Galega
Entre tanto non rematen as obras da granxa experimental, os alumnos de Veterinaria

seguirán realizando as súas prácticas na actual unidade de leite. No momento que se produza o traslado, é dicir, que os profesionais e alumnos da USC desenvolvan os seus traballos de investigación na granxa experimental, o Goberno da Deputación adecuará a actual unidade de leite, transformándoa nunha nova nave de recría de raza Rubia Galega, colaborando deste xeito con ACRUGA, tal e como se comprometeu a facer Campos Conde e adiantou en decembro no Parlamento de Galicia.