Deputación de Lugo

O XXII Maratón Fotográfico co que colabora a Deputación distingue as imaxes captadas por María Jesús Varela e José Marcos López Álvarez

- A Capela de Santa María de Lugo exporá ata o 20 de novembro unha escolma representativa das fotografías presentadas ao certame por todos os participantes

A entrega de premios da vixésima segunda edición do Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC desenvolveuse este mércores na sala de exposicións da Capela de Santa María de Lugo, no marco dunha sesión na que participaron a Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto; a Concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, o Vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro; o fotógrafo lugués Carlos Valcárcel e o Coordinador do Espazo de Fotografía da USC, Eduardo Ochoa.

O Maratón Fotográfico do Campus Terra, un certame promovido polo grupo cinematográfico Fonmiñá en colaboración coa USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, distingue na súa vixésima segunda edición as imaxes captadas por María Jesús Varela Pulpeiro, galardoada co Premio Carlos Valcárcel (dotado con 300 euros, trofeo e diploma) por ‘Árbore’, e José Marcos López Álvarez, que recibiu o premio (200 euros, trofeo e diploma) á mellor fotografía presentada na modalidade de tema libre por ‘Familia terrícola morta por mor do lixo espacial’.

O xurado encargado de fallar os galardóns deste certame fotográfico acordaron, á vista da calidade dos traballos presentados a concurso, a concesión de tres accésits. Patricia Fernández Pereira recibiu o primeiro accésit a mellor fotografía do tema Árbores pola fotografía ‘O pasar do tempo non é só un reloxo’. A fotografía presentada nesta modalidade por José Marcos López Álvarez co título ‘Árbore e a sombra dunha casa’ tamén foi merecedora dun accésit. Asemade, Breogán Alamancos Millán acadou un accésit na modalidade de tema libre pola fotografía ‘Mans’.

Unha vez rematada a cerimonia de entrega de premios e diplomas ás pesoas participantes na última edición do certame, as autoridades e o público presente procederon á inauguración da mostra dunha escolma dos traballos presentados ao XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC. Esta exposición, que inclúe unha imaxe de cada un dos participantes, ademais das propostas artísticas que resultaron galardoadas, permanecerá aberta ao público ata o 20 de novembro. As persoas interesadas en visitar esta mostra poderán facelo de luns a venres, en horario de 10.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. A exposición tamén poderá visitarse os sábados pola tarde, de 17.00 a 20.00 horas, e os domingos, de 11.00 a 14.00 horas.