Deputación de Lugo

Máis de 200 persoas poderán participar nas actividades medioambientais e gratuítas do C.I. Terras do Miño

- Campamentos para nenos, conferencias, obradoiros de elaboración de licores ou cursos sobre flora e fauna son só algunhas das actividades que ofrece a Deputación
- O prazo de inscrición ábrese mañá mesmo en www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 227 812
- Sonsoles López destacou que “a través desta programación, fomentamos o estudo da riqueza natural e patrimonial da nosa provincia, ao tempo que impulsamos as prácticas responsables co medio ambiente”

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, presentou este mércores a programación de actividades gratuítas e para todas as idades que ofrece o organismo provincial no Centro de Interpretación Terras do Miños. Poderán participar máis de 200 persoas. O prazo de inscrición ábrese mañá en www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 227 812.

López Izquierdo destacou que “a través desta programación, fomentamos o estudo da riqueza natural e patrimonial da nosa provincia, ao tempo que impulsamos as prácticas responsables co medio ambiente”. A Deputada lembrou que “ofrecemos esta nova programación debido ao interese que espertan este tipo de iniciativas pois, o ano pasado, participaron nelas máis de 1500 persoas de todas as idades. Esta iniciativa ofrécelle aos cidadáns unha alternativa lúdica e formativa a custe cero”.

Programación do 3º Trimestre
Actividades para nenos
4 ao 8 de xullo: O Campamento do Río Rato (1ª edición). Esta actividade dirixida aos máis cativos e na que poderán participar ata 20 nenos, desenvolverase nun horario de 10:00 horas a 13:00 horas, e os participantes poderán coñecer de primeira man a importancia e a riqueza natural da Reserva da Biosfera. 
11 ao 15 xullo: O Campamento do Río Rato (2ª edición).

Actividades para adultos
1 de setembro: Os bichos do horto. Conferencia que arrancará ás 19:00 horas e na que poderán participar 40 persoas.
3 de setembro: Obradoiro de elaboración artesá de licores. Esta actividade, dirixida a un total de 20 persoas, ao que poderán asistir adultos, transcorrerá entre as 10:00 e as 14:00 horas.
15 de setembro: As plantas medicinais e o seu uso tradicional en Galicia. Conferencia na que poderán participar ata 40 persoas e que arrancará ás 19:00 horas.
17 de setembro: Obradoiro de elaboración de conservas artesás: perigos métodos de conservación, que se celebrará dende as 10:00 horas ata as 14:00 horas.
24 de setembro: Obradoiro de cosmética natural, dende as 10:00 horas ata ás 14:00 horas.

Actividades para familias
1 e 2 de setembro: Obradoiro de cociña agroecolóxica e solar, que terá lugar no Centro de Interpretación dende as 10:00 horas ata as 13:00 horas.
10 de setembro: Curso de iniciación á fauna e flora da Reserva da Biosfera Terras do Miño: Anfibios e Réptiles. Esta actividade celebrarase dende as 10:00 ata as 14:00 horas.