Santos: Oliver Laxe é o mellor exemplo para o alumnado da TIC pola súa xuventude e recoñecemento internacional
O patrón da Fundación TIC e Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, e o director Oliver Laxe inauguraron este mércores o curso 2016-17 da Escola de Imaxe e Son da TIC. Santos afirmou que é un privilexio contar coa presenza de Oliver Laxe, un director galego que con tan só 34 anos xa recibiu dous premios no Festival de Cannes o Gran Premio da Crítica por Mimosas e o Fipresci na Quicena de Realizadores por Todos vós sodes capitáns-, un recoñecemento reservado a moi poucos cineastas a nivel internacional.
Álvaro Santos dixo ante o alumando da Escola que pola súa xuventude e traxectoria e por ser un cineasta galego, Laxe é un excelente exemplo de que con talento e esforzo se pode chegar ao máis alto no mundo audiovisual desde Galicia e desde moi novo.
Lembrou que algúns de vós xa tivestes a sorte traballar ás súas ordes, no obradoiro sobre a rodaxe dunha curta, un traballo en colaboración con Anade que se proxectará na clausura da Semana Internacional de Cine de Autor.
Igualdade de oportunidades
O Vicepresidente provincial animou aos estudantes a que espremades ao máximo o voso paso pola EIS e aproveitedes os medios que tedes a vosa disposición e todas as oportunidades que se vos presenten, como este encontro cun director da traxectoria de Laxe.
Neste senso, destacou que o Goberno da Deputación decidiu manter, un ano máis, a gratuidade da matrícula para garantir un dereito no que cremos firmemente: a igualdade de oportunidades. Facemos un importante esforzo económico para que calquera mozo ou moza lucense con vocación no audiovisual poida acceder a unha formación de calidade.
Novo Cinema Galego
Oliver Laxe é un dos referentes do Novo Cinema Galego, unha corrente cinematográfica que logrou situar a Galicia e aos cineastas galegos no mapa mundial do cine de calidade, cunha repercusión e un recoñecemento internacional sen precedentes na historia recente do cine español.
Fillo de emigrantes, naceu en París en 1982. Aos seis anos retornou coa súa familia a Galicia. Despois de estudar cine na Universidade Pompeu Fabra, marchou a Londres, onde rodou en 2006 a curta Y las chimeneas decidieron escapar, en colaboración con Enrique Aguilar.
Despois mudouse Tánger. Na cidade marroquí realizou Suena una trompeta, ahora veo otra cara e París #1. Coa súa primeira longametraxe Todos vós sodes capitáns, gañou o premio Fipresci na Quincena de Realizadores de Cannes en 2010, e coa segunda, Mimosas o Gran Premio da Crítica deste Festival en 2016.
Profesionais de prestixio cos alumnos da TIC
Oliver Laxe súmase á longa lista de profesionais de prestixio que expuxeron a súa experiencia aos alumnos da TIC, como os directores Dani de la Torre, Gracia Querejeta, Imanol Uribe, José Luis Cuerda, Ángel de la Cruz ou Jorge Coira; os produtores José María Besteiro, Julio Fernández e Pedro Revaldería; os actores Luis Tosar e Antonio Mourelos; o compositor e produtor musical Arturo Vaquero.