Deputación de Lugo

Renovado todo o equipamento do parque de bombeiros de Monforte co novo camión nodriza

- O Presidente do Consorcio de Bombeiros, o Director Xeral de Emerxencias e o Alcalde entregaron o vehículo financiado con 232.000 euros por Deputación e Xunta - Campos Conde adiantou que o outro camión nodriza que hai en Monforte será trasladado de xeito inmediato ao parque de Chantada mentres non finalicen as reparacións valoradas en 97.000 euros do vehículo propio das instalacións chantadinas - O Presidente do Consorcio e da Deputación adiantou que vai a convocar un Pleno para avaliar polo miúdo os medios dos parques e as súas necesidades tras abordar este asunto en varias ocasións en reunións cos representantes sindicais dos bombeiros

O Presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros e da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, avanzou este luns que as instalacións contraincendios de Monforte de Lemos contan con todo o seu equipamento renovado tras recibir hoxe un novo camión nodriza. Deputación e Xunta financia este vehículo ao 50% cun importe total de 231.552,80 euros. A este orzamento engádense outros 600.000 euros que ambas as dúas institucións, que integran o Consorcio, achegaron nas pasadas anualidades para dotar ao parque de bombeiros monfortino de todos os medios necesarios.

Campos Conde anunciou que o outro camión nodriza que hai neste momento nas instalacións antiincendios de Monforte será trasladado de xeito inmediato ao parque de bombeiros de Chantada para que, provisionalmente, preste servizo neste parque. O Presidente lembrou que o camión nodriza propio das instalacións chantadinas está sendo reparado logo dun aparatoso sinistro. De feito, o prezo do seu arranxo é de 97.000 euros, que asume a compañía aseguradora. Campos Conde adiantou que, previsiblemente, este vehículo estará listo en setembro.

De xeito, os tres parques de bombeiros da zona sur (Monforte, Chantada e Sarria), que no que vai de ano atenderon máis de 230 incidencias ao ano, conta con todo o equipamento necesario e obrigatorio para o seu funcionamento, tal e como estable a Lei de Emerxencias.

Pleno
Con todo, o Presidente do Consorcio avanzou que vai convocar un Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros para as vindeiras semanas co obxectivo, precisamente, de avaliar polo miúdos os medios dos que dispoñen cada un dos 6 parques provinciais (Chantada, Monforte de Lemos, Sarria, Barreiros, Viveiro e Vilalba), así como as súas necesidades tras abordar as mesmas, en varias ocasións, en reunións cos representantes sindicais destas instalacións. Cómpre lembrar que o orzamento do Consorcio Provincial de Bombeiros para 2016 é de case 5 millóns de euros.

Na recepción hoxe do camión nodriza para o parque de bombeiros de Monforte, tamén participou o Alcalde deste municipio, José Tomé Roca, o Director Xeral de Emerxencias, Luís Menor, e a Delegada Territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

Tomé Roca subliñou que “hoxe é un día importante para Monforte, pois coa entrega desta camión nodriza, o parque de bombeiros do noso Concello conta co equipamento máis moderno e totalmente renovada para prestar este servizo”.