Deputación de Lugo

O II Revival de Vilalba reunirá a miles de afeccionados ao motociclismo co apoio da Deputación

A exhibición de motos clásicas terá lugar a fin de semana no polígono industrial As Sete Pontes e contará coa presenza de pilotos lendarios como o inglés Dave Madsen Mydgal ou o español Antonio Maeso

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, presentou este mércores a segunda edición do Revival de Vilalba que se celebrará os vindeiros días 16, 17 e 18 no polígono industrial As Sete Pontes de dito Concello e que reunirá a 120 pilotos e preto de 20.000 afeccionados ao motociclismo. O organismo provincial colabora na organización deste evento cunha achega económica de 30.000 euros.

Na presentación do II Revival de Vilalba tamén participaron Francisco Montes, presidente do Club TT Supporters Spain; Dave Madsen Mydgal, presidente da Asociación Mundial de Riders, e Pablo Barrón, xornalista especializado no mundo do motor.

Vidal Baamonde sinalou que “Vilalba converterase esta fin de semana na capital mundial do motociclismo cunha exhibición de motos clásicas das coñecidas como Road Races ou carreiras en estrada aberta. Este evento permitirá que miles de afeccionados se acheguen á localidade vilalbesa a desfrutar da riqueza gastronómica e paisaxística da zona, e impulsando deste xeito o turismo local, xa que os hostais e restaurantes veranse directamente beneficiados pola magnitude da cita”, engadiu o Deputado.

Programación
A programación dará comezo o venres, ás 15.00 horas, coa chegada progresiva dos numerosos pilotos e a verificación técnica das motos. Entre estes pilotos atópanse lendas vivas das Road Races como o propio Dave Madsen Mydgal, con 117 participacións no TT Illa de Man; Antonio Maeso, con 11 réplicas do TT da Illa de Man; Raúl Torras, réplica de plata no finalizado MGP; Min Grau, Carlos Cardus, Gernando de Nicolás, ou Charly de San Antonino.

Durante a fin de semana haberá motos de todas as categorías, tanto de 2 tempos (50cc, 80cc, 125cc, 250cc e 500cc), como de 4 tempos (350cc, 500cc, 750cc e 1.000cc). Entre os modelos máis destacados atópanse unha Honda Yoshimura RC 45, unha Ossa de carreiras do ano 1976, unha CBR Arbizu, unha Honda RC30, unha Yamaha OW01 ou unha Harley Davison campioa do AMA de Estados Unidos no ano 1962.

O sábado terá lugar unha comida de confraternidade e a partir das 20:00 horas renderase homenaxe aos pilotos falecidos Alfonso Redondo González ‘El abuelo’ e Darío Portela. Pola noite está prevista a actuación do DJ e productor musical Marcos Peón, acompañado por DJ Zalo e Briss Tradd. Finalmente, o domingo ás 12:00 horas celebrarase o primeiro Mini TT de Correpasillos, para os afeccionados máis pequenos que se acheguen cos seus pais ou titores.