Deputación de Lugo

Máis de 100 persoas poderán participar o sábado na IX Xornada de Literatura de Tradición Oral da Deputación

- A xornada Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular que organiza ASPG terá lugar o vindeiro 12 de novembro no Salón de actos do Pazo de San Marcos - Os menciñeiros, as propiedades beneficiosas das plantas e os seus efectos son algúns dos temas que se van tratar nas 7 conferencias e mesas redondas do sábado - O organismo provincial colabora coa asociación cunha achega económica de máis de 15.000 euros para a celebración de actividades durante todo o ano

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este xoves no Pazo de San Marcos a IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional, que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega, o vindeiro 12 de novembro no Salón de actos da Deputación. Fíxoo xunto ao Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e os Coordinadores da xornada, Antonio Reigosa Carreiras e Isidro Novo. O organismo provincial colabora coa asociación cunha achega económica de máis de 15.000 euros para a celebración de actividades durante todo o ano.

As persoas que queiran participar na xornada pódense inscribir na www.as-pg.gal ou na www.aelg.gal. Os criterios de selección serán por orde de inscrición, tendo preferencia os socios e afiliados á AS-PG e á AELG. A matrícula é totalmente gratuíta.

Obxectivos
Achegar ao profesorado coñecementos para o seu traballo na aula en relación coa cultura popular tradicional, facilitar un foro de reflexión útil ao profesorado para comprender e transmitir os valores da nosa cultura, incidir en prácticas e coñecementos que posibiliten o desenvolvemento de habilidades cognitivas en relación coa cultura popular e informar sobre a presenza dos tema da medicina popular tradicional en relación coa literatura popular galega de tradición oral.

Programación
- Ás 10:30 horas.- Conferencia Uso das plantas medicinais no Caurel: Tradición e Cultura Popular, impartida por María Moure Oteyza. Licenciada en Farmacia pola USC, obtivo a Suficiencia Investigadora en dita Universidade. No coloquio debaterán  sobre as propiedades beneficiosas das plantas e os seus efectos.

- Ás 11:30 horas.- Conferencia A recollida da memoria oral como método de aprendizaxe. O valor de espertar e guiar a curiosidade, por Ana Lois, Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago, Directora do proxecto documental sobre medicina tradicional palabrassecretas.com e Directora do documental Lume na Auga e do proxecto de divulgación arqueolóxica santamarinadeaugassantas.com.

- Ás 12:30 horas.- Mesa redonda: Escoitar, ver e aprender. O saber que cura, por María Moure Oteyza e Ana Lois. Coordina: Antonio Reigosa. A curiosidade é a chave que abre as portas do saber. E o saber é un proceso, unha experiencia, precisa dunha metodoloxía e dunha predisposición para comprender as claves da nosa cultura popular.

- Ás 16:00 horas.- Conferencia A medicina popular en Galicia, por Pablo Vaamonde, Médico de familia no Centro de Saúde de Labañou, Fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e Vicepresidente do Colexio de Médicos de A Coruña (1998-2005).  Neste coloquio abordarán o tema dos menciñeiros, e porque a xente segue a recorrer neles.  

- Ás 17:00 horas.- Conferencia Curando coa palabra entre a literatura e a medicina popular, por Ana Acuña, Doutora en Filoloxía Galega e profesora na Universidade de Vigo, é autora de traballos sobre lingua e literatura, particularmente galega. Na conferencia debaterán sobre se a palabra pode ser, unha medicamento máis ao noso alcance.

- Ás 18:00 horas.- Mesa redonda: Médicos ou menciñeiros? Da psique á psiquiatría, por Pablo Vaamonde e Ana Acuña. Coordina: Isidro Novo. A nosa cultura popular tradicional era un sistema harmonizado que foi substituído por outro considerado máis efectivo. Mais, cando a enfermidade non atopa remedio, todo se cuestiona.

- Ás 19:30 horas.- Aprender a ver e a sentir: Arredor de nós está a vida. Identificación e aplicación de remedios curativos con herbas da nosa contorna, por Carmiña Prado Penas. O obxectivo desta charla é descubrir que no noso contorno hai plantas que teñen unha longa historia como remediadoras das doenzas humanas.

Asociación de Escritores en Lingua Galega
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) é a entidade oficial que reúne máis de 415 escritores e escritoras da literatura galega en todas as súas manifestacións: poesía, narrativa, teatro, ensaio, escrita científica ou traducións, entre outros. Foi fundada no ano 1980 por algúns dos escritores máis importantes da historia literaria e dela foron membros por exemplo Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole ou Uxío Novoneyra. A asociación agrupa autores e autoras residentes tanto en Galicia como fóra dela, tendo como único requisito de afiliación a condición de contar cando menos cun libro individual publicado en lingua galega.

A AELG traballa a prol da dignificación do oficio do escritor, así como da promoción dos autores e das súas obras, do fomento da interrelación con outros profesionais, doutras literaturas ou doutras áreas en xeral, proporcionando foros para o debate das ideas cunha perspectiva monográfica e transversal.