Deputación de Lugo

A Deputación promove hoxe outro partido solidario do Breogán para contribuír con Raiolas e o Banco de Alimentos

Imaxe deputación de lugo
- O encontro de hoxe estará dedicado a difundir as actividades de Raiolas, que traballa en prol das familias con membros afectados por doenzas do espectro autista
- Durante o encontro estará á venda o calendario solidario co que esta asociación sufraga parte dos custes das terapias e actividades que leva a cabo ao longo do ano
- Para a súa confección, este ano Raiolas contou coa colaboración de diferentes clubs e deportistas lucenses, como os xogadores celestes Salva Arco e Lobito Fernández
- Nas portas do Pazo dos Deportes tamén haberá voluntarios e caixas para recoller produtos non perecedoiros en colaboración co Banco de Alimentos de Lugo
- Estas iniciativas enmárcanse dentro do contrato de patrocinio que o CB Breogán e a Deputación asinaron para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto

O encontro do Breogán deste venres ás 21:00 horas dedicarase a difundir as actividades que realiza Raiolas, unha asociación sen ánimo de lucro que traballa en prol das familias con membros afectados por doenzas do espectro do autista. Así o acordaron a Deputación de Lugo e a entidade deportiva, como unha das primeiras accións sociais que se levarán a cabo dentro do contrato de patrocinio que o organismo provincial asinou co club celeste.

O obxectivo de Raiolas é a realización de todas as actividades que melloren a calidade de vida das persoas con autismo ou TEA e que procuren a súa plena integración familiar e social. Para sufragar parte dos custes destas terapias, a asociación realizou un calendario solidario que estará á venda durante o partido de hoxe no Pazo dos Deportes. Nel aparecen deportistas de numerosos clubs e disciplinas lucenses con nenos e nenas de Raiolas, como os xogadores celestes Salva Arco e Lobito Fernández.

Recollida de alimentos
Ao mesmo tempo, nas portas do Pazo dos Deportes Deportes haberá voluntarios e caixas para recoller produtos non perecedoiros como arroz, pasta ou aceite, en colaboración co Banco de Alimentos de Lugo.
Esta entidade atende a unhas 9.700 persoas sen recursos da provincia, preto de 1.800 familias lucenses. Para poder chegar a todas elas e que ningunha familia se quede sen comida, especialmente nestas datas tan sinaladas, agárdase unha importante colaboración por parte dos seareiros celestes con alimentos non perecedoiros.

Axudas provinciais para o Banco de Alimentos e Raiolas
O Goberno da Deputación colabora estreitamente co Banco de Alimentos e a Asociación Raiolas para garantir o seu labor social. En concreto, o organismo provincial concedeu unha axuda de 6.000 euros ao Banco de Alimentos para sufragar os gastos de aluguer do seu almacén. Por outra banda, o Executivo Provincial acordou realizar unha achega de 90.000 euros á Asociación Raiolas para transformar a antiga gardería do Campus de Lugo no 1º centro de día da provincia para persoas con autismo. Esta axuda, que deberá ser ratificada polo Pleno, únese a subvención nominativa de 21.000 euros que recibe esta asociación para atención ambulatoria.