Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación presentou en Monforte a campaña “Merca en Lugo polo Nadal, porque na nosa provincia temos de todo e do mellor”

-O Vicepresidente, xunto con representantes de asociacións de comerciantes da Zona Sur, presentou a campaña de sensibilización cidadá que busca fomentar as compras nos establecementos dos 11 Concellos do sur da provincia
- Santos Ramos destacou que “na Zona Sur, as compras durante o Nadal supoñen o 25% das vendas anuais, sendo os establecementos de comercio téxtil, xoierías e xogueterías os que máis ventas”
- A Deputación situará carteis nos establecementos da zona sur da provincia e engalanará as rúas dos municipios con material promocional

O Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, o Alcalde do Concello de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, a Presidenta do Centro Comercial Urbano Monforte, María José Senra Sánchez, e o xerente do CCU Ángel Folgueira Álvarez, e numerosos comerciantes da zona Sur da provincia presentaron este xoves Merca en Lugo polo Nadal, porque temos de todo e do mellor. É a campaña de sensibilización cidadá que pon en marcha o Executivo da Deputación para potenciar o tecido empresarial na Zona Sur e no resto das localidades da provincia. A campaña busca potenciar as compras nos establecementos dos 11 Concellos da Zona Sur durante estas datas festivas.

Santos Ramos destacou que “as compras durante o Nadal supoñen o 25% do total das vendas anuais, sendo os establecementos de comercio téxtil, xoieiras e xogueterías os que máis ventas facturan nestas datas festivas, podendo supor ata o 35% do total anual. Tendo en conta estas cifras, e cando o comercio representa o 14% dos postos de traballo da nosa provincia, cremos que é necesario concienciar á cidadanía sobre a importancia de mercar nos comercios que temos ao pé da nosa casa, que axudan a dinamizar a economía da nosa provincia”, destacou.

Esta campaña está presente en toda a provincia, xa se presentou na Zona Centro, na cidade de Lugo, na Mariña, concretamente na localidade de Viveiro e hoxe na Zona Sur, en Monforte.

Con esta campaña, a Deputación ofrecerá aos 5.000 establecementos da provincia carteis co lema Merca en Lugo polo Nadal, porque temos de todo e do mellor. Tamén se levará ás rúas dos 67 Concellos da provincia, coa colaboración de todos os colectivos nos que se integran os profesionais deste sector, máis material promocional como, por exemplo, bandoleiras.