Deputación de Lugo

O Pleno da Deputación aproba a concesión do Centro de Recría e a construción da residencia pública de Becerreá

- O Boletín Oficial da Unión Europea publicará os pregos, abrindo entón o prazo legal de presentación de ofertas para a concesión deste servizo por un mínimo de 15 anos
- Ante o incumprimento de Feijóo e o acordo do Orzamento de 2016, a Deputación destina en 4 anualidades 5 millóns de euros ao centro público da 3ª idade de Becerreá

O Pleno aprobou a proposta do Goberno Provincial de xestión do 1º centro de recría de gando vacún público en España, que construíu en solitario a Deputación con máis de 10 millóns de euros. Fíxoo cos votos a favor de PSOE, BNG e Deputado non adscrito, pois o PP abstívose. Concretamente, acordáronse as cláusulas administrativas; os pregos de prescricións técnicas para o manexo de animais e de bioseguridade, así como para o mantemento e conservación das instalacións e fincas; as medidas e condicións ambientais; así como regulamento que vela polos dereitos dos gandeiros.

Toda esta laboriosa documentación será agora publicada no Boletín Oficial da Unión Europea debido á súa complexidade e valor económico, abrindo entón o prazo legal de presentación de ofertas para facerse coa concesión deste servizo por un prazo de 15 anos, que pode prorrogarse. A previsión é resolver este proceso nuns 60 días para que os primeiros exemplares poidan entrar no Centro de Recría na primavera.

Foi unha Comisión Técnica, na que participaron reputados expertos da USC como Francisco Sineiro e Eduardo Yus, os que colaboraron cos técnicos da Deputación e co Goberno Provincial na elaboración destes pregos.

Implican unha xestión pública de concesión de servizos, que conte coa participación directa dos gandeiro. É o modelo que estes profesionais valoraron como o “máis idóneo” para acadar a maior rendibilidade económica do centro de recría en beneficio do sector.

Supón o control directo e público destas instalacións por parte da Deputación, que velará polo cumprimento dos pregos. Por exemplo, que os prezos da recría sexan máis vantaxosos que os dun centro privado. No caso de incumprimentos, poderase sancionar á concesionaria, podendo inclusive rescindir esta concesión.

O modelo de xestión foi aprobado no Pleno de xuño polo Goberno Provincial, BNG e Deputado non adscrito, pois o Partido Popular tamén neste caso se abstivo e defendeu un modelo de xestión demanial, que implica a desvinculación total da administración pública e, polo tanto, a privatización do centro de recría.

Residencia pública de Becerreá
O Pleno tamén aprobou a proposta de urxencia que presentou o Goberno Provincial de aprobación do convenio de colaboración co Concello de Becerreá para que a Deputación constrúa unha residencia comarcal con centro de día pública en dito municipio. O Executivo levou este asunto por urxencia porque no 2016 están orzamentadas as primeiras obras polo que teñen que licitarse. Ademais, fíxoo logo de que os técnicos provinciais acordasen o pasado venres que a Xunta de Goberno non podía acordar este asunto, tendo en conta que se trata dun compromiso da institución máis aló de 4 anos, feito que supuxo que a proposta quedase enriba da mesa.

Un compromiso da Xunta sen cumprir
Trátase dunha dotación social moi demandada polos veciños, que no ano 2009, antes das eleccións autonómicas, Feijóo prometeu publicamente executar se chegaba á Xunta, pero que, 8 anos despois, nada fixo.  

Deputación e Concello de Becerreá sempre defenderon esta residencia. Deste xeito, o organismo provincial asumiu con 100.000 euros a redacción deste proxecto, que, pola súa banda, o Concello, hai anos, puxo á disposición da Xunta, ao igual que os terreos necesarios para a súa construción.

Ante o incumprimento da Xunta e as reiteradas reivindicacións dos veciños, o Goberno Provincial comprometeuse a asumir a execución desta residencia co acordo do Orzamento de 2016. Faino con 5 millóns de euros, que se distribúen en 4 anualidades: 103.700 euros este ano; 2 millóns de euros no 2017 e no 2018; e unha última achega no 2019 de máis de 1 millón de euros (1.011.647 euros).

Pola súa banda, o Concello de Becerreá fai unha aportación económica de 300.000 euros: 150.000 no 2017; 100.000 no 2018 e 50.000 no 2019. O municipio tamén cede a parcela da rúa Ancares 83 á Deputación, que será a encargada de executar os traballos.

A previsión é licitar este mesmo ano os primeiros traballos de 103.679 euros para a demolición do antigo fogar escola, que se afinca nos terreos onde se situará a residencia comarcal con centro de día.

Esta instalación social ofrecerá un mínimo de 96 prazas na residencia, máis 5 de enfermería, e 40 no centro de día.