Deputación de Lugo

A Deputación presenta o IV Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación que afonda en diversidade de xénero e creación artística

-O IV Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación terá lugar os días 10, 11, 31 de marzo e 1 de abril nos museos que conforman a Rede Museística Provincial de Lugo
-García Porto subliñou que “este Congreso enmárcase no Plan de museos, xéneros, arte, educación e igualdade co fin de promover políticas de igualdade”
- O número de prazas é de 50. Os interesados en inscribirse poden facelo no formulario de solicitude da páxina web da Rede Museística Provincial: http://redemuseisticalugo.org/

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este xoves, no refectorio do Museo Provincial de Lugo, o IV Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación, que ofrece experiencias e reflexións sobre a cuestión de xéneros, da creación artística e da educación. As xornadas terán lugar os días 10 de marzo no Museo Provincial de Lugo; o 11 no Pazo de Tor;  o 31 no Museo Fortaleza San Paio de Narla e o 1 de abril no Museo Provincial do Mar.

García Porto destacou que “este Congreso, ao igual que as edicións anteriores, enmárcase no Plan de museos, xéneros, arte, educación e igualdade co que promovemos a igualdade de xénero e espazos de diálogo e cohesión social. Somos responsables de amosar a diversidade da sociedade actual e ofrecer ferramentas para o desenvolvemento, en igualdade de condicións, a través da arte e a didáctica”.

O número de prazas é de 50. Para a inscrición respectarase a orde de chegada das solicitudes, que serán confirmadas por correo electrónico e tras a finalización do Congreso expediranse os correspondentes certificados, unha vez verificada a asistencia a todas as xornadas. As persoas que desexen inscribirse poden facelo a través do formulario de solicitude da páxina web da Rede Museística Provincial: http://redemuseisticalugo.org/.

O IV Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación trata sobre como os museos amosan a diversidade de xéneros e os seus papeis na historia e na sociedade a través dos seus discursos monográficos, coleccións e actividades. Así mesmo, busca coñecer como os museos favorecen a presenza e a atención de toda a diversidade social. Nesta edición, homenaxearase á artista viveirense Maruja Mallo a que, a Real Academia Galega de Belas Artes, adicará o 1 de abril, Día das Artes Galegas.

Os investigadores nos temas de xénero, museos, arte e educación poden enviar os traballos que fagan referencia as presentacións da xornada para a súa publicación, dende o 2 de abril ata o 18 de maio.